Investimentos para mellorar o firme e completar as redes de abastecemento e pluviais no camiño do Castaño, en Portosanto

12/04/2024

O Goberno prioriza este ano no plan +Provincia “actuacións que, aínda que parezan pequenas, ofrecen un servizo moi importante á cidadanía e, sobre todo, aos residentes deses lugares”.

O Concello de Poio incluirá nos investimentos do plan +Provincia renovar a rede de abastecemento, completar as pluviais e mellorar o firme do camiño do Castaño, no lugar de Portosanto.

Unha actuación que, segundo sinala o concelleiro Marcial García, “é necesaria dado o importante deterioro que sofre esa vía municipal. A dotación destes servizos básicos para a veciñanza é prioritaria, somos conscientes de que hai moitos lugares que acumulan anos sen mantemento e por iso no plan provincial deste ano estamos incluíndo actuacións que, aínda que parezan máis pequenas, ofrecen un servizo moi importante á cidadanía e, sobre todo,aos residentes deses lugares”.

O proxecto contempla renovar a rede de abastecemento e completar os pluviais nos tramos do camiño que carece deles actualmente. Ademais, desbrozarase e limpanse todas as marxes e renovarase o firme. Por último, inclúese sinalización horizontal e vertical para ordear o tráfico e garantir a seguridade na zona.

Ademais deste proxecto, recordan que no plan +Provincia tamén se reservaron investimentos para ampliar a rede de pluviais e mellorar o firme no camiño de Cachafeiro, no Xuviño; completar outro proxecto que quedou a medias no anterior mandato, coa instalación de alumeado público na rúa do Adro e Travesía Porteliña; investimentos para mellorar o firme do camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador; así como para mellorar o firme e completar a rede de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba ou mellorar o firme e crear un muro de contención en Camiño do Souto, en Combarro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio