Investimento para reformar integralmente o parque infantil de Chancelas

03/06/2024

Ángel Moldes sinala que o obxectivo é dotar dun espazo de xogos seguro para a cativada no lugar da Bouza, en Chancelas.

O Concello de Poio reformará de xeito integral o parque infantil de Chancelas, en Combarro, para garantir un espazo de xogos seguro para a rapazada. O alcalde, Ángel Moldes, explica que o mal estado e o deterioro das pezas de xogo provocan que na actualidade este parque estea inutilizado, xa que practicamente todos os elementos están desgastados ou rotos e supoñen un perigo evidente para os usuarios.

Así, anuncia que a actuación supera os 30 mil euros e conta cunha achega da Xunta de Galicia, que financia o 70% do custe a través da subvención destinada a mellorar as infraestruturas, dotacións ou equipamentos municipais. “Queremos que os nosos nenos e nenas teñan espazos de xogo preto dos seus fogares, pero sobre todo, que estes lugares nos que divertirse e socializar sexan completamente seguros”, sinala Moldes, que indica que “no caso de Chancelas, estamos dando resposta a unha demanda dos veciños deste lugar desde hai moitos anos. Só hai que ver o estado do parque para entender que debería ter sido unha prioridade hai tempo”. En calquera caso, sinala que agora ábrese os prazos administrativos para adxudicar o proxecto, que poderá executarse nos próximos meses.

A remodelación integral deste parque inclúe a renovación dos elementos de xogo, que abarcan diferentes idades de uso, en función da habilidade e destreza dos usuarios. Asi, inclúese un pórtico con columpios, un equipo combinado de tobogán con plataforma e xogo de muelle. Todos os elementos instalados no parque contarán coa homologación necesaria. Ademais, instalarase pavimento de caucho continuo e substituirase todo o valado do perímetro, que presenta moito desgaste, madeiras podrecidas, lamas rotas… sendo un perigo para os usuarios. Ademais, cumprindo coa normativa, colocarase un cartel informativo sobre os equipamentos das áreas de xogos e superficies.

Desde o Concello de Poio encargouse un inventario para coñecer o estado de todos os parques infantís e biosaudables que hai no municipio, unha folla de ruta para ir actuando en cada un deles. Así, xa se fixeron traballos de mantemento en Lourido, Combarro, Raxó e A Caeira, e nos próximos días continuarán na Renda.

Por outra banda, na Seca xa comezaron os traballos para reubicar o parque infantil, que se ampliará a dúas zonas e incluirá novas pezas de xogo, e que permitirá proximamente instalar nas próximas semanas o primeiro circuito pump track de Poio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio