Investimento para mellorar o firme e completar a rede de saneamento, abastecemento e pluviais no Sartal

23/05/2024

Destinaranse máis de 74.000 euros para dotar destes servizos básicos ás vivendas situadas en dous dos ramais do Sartal que na actualidade carecen deles.

O Concello de Poio investirá 74.182,58 euros na humanización de dous dos ramais do Sartal, para mellorar o firme e completar a rede de sameamento e abastecemento nos tramos do camiño que carecen destes servizos básicos.

O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, explica que é un investimento importante para garantir a prestación de servizos básicos a varias vivendas que se atopan nestes camiños e que, na actualidade, carecen deles. Así, nun dos ramais achegarase a rede a dúas vivendas e no outro, a cinco. As obras inclúen, ademais de colocación de tubaxes de saneamento, abastecemento e pluviais, pozos de rexistro e acometidas domiciliarias, limpeza de vexetación e desbroce e posterior pavimentado dos dous camiños.

O Concello de Poio incluirá estas dúas actuacións nos investimentos do plan +Provincia. “É unha actuación importante para ir completando pouco a pouco a rede de servizos básicos naqueles lugares nos que a día de hoxe carecen deles, mellorando deste xeito a calidade de vida dos residentes neses lugares”, sinala García. Nesta liña, indica que no plan de investimentos provincial deste ano están incluíndo actuacións que, aínda que parezan máis pequenas, ofrecen un servizo moi importante á cidadanía.

Ademais deste proxecto, recorda que no plan +Provincia tamén se reservaron investimentos para ampliar a rede de pluviais e mellorar o firme no camiño de Cachafeiro, no Xuviño; completar outro proxecto que quedou a medias no anterior mandato, coa instalación de alumeado público na rúa do Adro e Travesía Porteliña; investimentos para mellorar o firme do camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador; así como para mellorar o firme e completar a rede de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba e no camiño do Castaño, ou mellorar o firme e crear un muro de contención en Camiño do Souto, en Combarro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio