As empresas disporán de 20 días para presentar as súas ofertas tras a publicación do anuncio na plataforma de contratos.
O Concello de Poio vai investir máis de 60.000 euros en rehabilitar o firme e mellorar o sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais na rúa Ucha de Arriba, na parroquia de San Xoán. Unha actuación que se vai desenvolver con fondos do plan Camiño rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e que vai ofrecer unha solución ao importante estado de deterioro que nalgúns puntos sofre este vial, segundo explica o concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García.
O Concello de Poio xa iniciou o proceso de licitación das obras. A Xunta de Goberno desta semana aprobou o expediente de contratación e, unha vez que se publique o anuncio na plataforma de contratos ao longo desta semana, as empresas disporán de 20 días naturais para presentar as súas ofertas. Unha vez licitada a obra, o prazo de execución será de dous meses.
A maior parte deste vial está situado entre vivendas unifamiliares e os terreos anexos a elas. Así, o concelleiro sinala que para o Goberno resulta imprescindible ofrecer unha solución á situación actual, xa que a zona ten unha pendente bastante pronunciada e a ausencia dunha rede para a recollida de pluviais provoca que con precipitacións intensas se produzan arrastres e inundacións na zona.
Así pois, o proxecto contempla a rehabilitación do firme, reasfaltando o pavimento existente mediante o aporte dunha capa media de 5 cm de mestura bituminosa en quente, gañando todo o espazo que se poida entre muros. Con respecto aos sistema de drenaxe, instalarase unha rede de pluviais en parte do tramo de actuación, principalmente na transición entre a zona rural e o núcleo de vivendas existentes. En total, proxéctase a instalación de 110 metros lineais de tubaxe PVC para drenaxe de augas pluviais, ademais da execución de tres pozos de rexistro que completen a rede. Para mellorar o funcionamento da rede e completar estas actuacións, instalaranse un total de cinco arquetas de sumidoiros para facilitar a labor da drenaxe lonxitudinal.
Con este proxecto, desde o Goberno local continúan a súa aposta pola mellora e o mantemento da rede de camiños municipais, con investimentos en todas as parroquias e desenvolvendo actuacións que, en moitos casos, levaban décadas comprometidas e non se executaron ata o de agora.