Investimento de 200.000€ para reformar o parque Costa Xiráldez, en Lourido, con temática mariña

30/06/2025

“Somos un concello que está crecendo, con moitas familias que se están asentando e queremos ofrecerlles os mellores servizos e zonas de esparcemento que contribúan a mellorar a súa calidade de vida”, subliña Ángel Moldes.

O Concello de Poio quere crear en Lourido un parque infantil con temática mariña, unha área de xogo que acollerá, entre outras pezas, unha torre-faro con xogos integrados, trampolín circular, columpios inclusivos e para bebés, un circuíto de aventuras e outros xogos adaptados a diferentes idades.

Tal e como explica o alcalde, Ángel Moldes, o avanzado estado de deterioro do actual parque infantil de Costa Xiráldez, con pezas moi antigas e rotas que supoñen un perigo para a cativada fai prioritaria unha reforma integral: “Queremos ofrecer aos máis pequenos da casa áreas de xogo atractivas e diferentes. Parques temáticos para que xogar se converta nunha auténtica aventura, para que non sexa o mesmo pasar unha tarde en Lourido, en Ánkar, na Seca ou no resto de zonas infantís que hai no noso municipio”, sinala o alcalde, Ángel Moldes.

O Concello de Poio destinará algo máis de 200.000 euros para facer esta reforma integral do parque, na que se manterá a tirolina. No pleno deste luns, día 30, iniciará o primeiro paso para facelo realidade coa aprobación en pleno do financiamento para acometer esta reforma. “Son moitas as familias de dentro e fóra de Poio que visitan e fan uso de toda esta contorna, queremos ofrecerlles espazos e servizos seguros e de calidade”, engade. Unha proposta que ademais de ofrecer xogos para unha ampla franxa de idade, tamén incluirá pezas inclusivas e adaptadas para bebés, unha medida que o Goberno local está incorporou na reforma do parque da Seca, está proxectada para Ánkar e tamén se incluirá en Lourido.

Moldes recorda que “somos un concello que está crecendo, no que a metade da poboación ten menos de 45 anos e con moitas persoas que están elixindo Poio para crear o seu proxecto de vida, para establecerse e para formar a súa familia. E queremos ofrecerlles un concello con oportunidades, pero tamén con servizos e zonas de esparcemento que contribúan a mellorar a súa calidade de vida”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio