Intensifican os traballos e preparativos nos areais de Poio para a tempada alta

04/06/2024

A posta a punto tamén inclúe a mellora nos accesos e colocación de duchas, paneis informativos e papeleiras, que esta semana quedarán instalados en todas as praias.

O Concello de Poio intensificou nas últimas semanas a posta a punto de todas as praias do municipio para ofrecer a máxima calidade á veciñanza e visitantes ante a tempada de verán. Así, os traballos e preparativos ultímanse estes días para deixar as praias e os servizos acondicionados esta semana.

Segundo explica o concelleiro de Medio Ambiente, as praias de Chancelas, Raxó e Lourido xa se fixeron os traballos de limpeza, tratamento da area e posta a punto, mentres que no resto os traballos están completándose estes días. Neste caso, recorda que a limpeza estase facendo de xeito periódico desde Semana Santa e, coincidindo co bo tempo, estanse intensificando e aumentando a frecuencia para ofrecer as mellores condicións. Ademais, no caso de Lourido, tamén esta semana van nivelar a area para diminuír a pendente provocada polas mareas vivas, o que permitirá facilitar o acceso de escavadoras para reforzar a limpeza en determinadas zonas.

Pero a posta a punto cara a tempada de verán tamén inclúe a mellora nos accesos e colocación de duchas, paneis informativos e papeleiras, que esta semana quedarán instalados en todas as praias. Previamente xa se adaptaron e prepararon as bases nas que van instaladas as duchas, e tratáronse os paneis de madeira para garantir maior durabilidade e mellorar a súa estética. Con respecto aos accesos, o plan de mellora inclúe tarefas de reparación, mantemento ou pintado tanto na praia de Cabeceira como en Chancelas ou Fontemaior, entre outros.

O Concello de Poio tamén ten en marcha o proceso de contratación de seis socorristas para velar pola seguridade dos bañistas nas praias de Siorto e Cabeceira, que son as dúas que este ano lucirán as bandeiras Azuis.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio