Intensas xornadas de Papá Noel en Poio, percorrendo todas as aldeas de Nadal e lugares do municipio

28/12/2024

O espectáculo Bulelandia, con Javi Solla e Tere, animou hoxe as rúas de Raxó. Pedro Volta actúa o mércores na carpa Poio Máxico.

Papá Noel ten por diante dúas intensas xornadas en Poio, para percorrer todas as Aldeas de Nadal e visitar todos os lugares do municipio. Uns percorridos que comezaron esta tarde de luns, nas que Papá Noel visitou as sete Aldeas de Nadal. O percorrido partiu ás 16.30 horas desde o Casal de Ferreirós e, desde alí, achegouse ás aldeas do Adro (San Salvador), dos Patos (Lourido), da Granxa (Campelo), Badaladas (San Martiño), dos Muíños (Samieira) da Vila (Raxó) e rematou na Aldea das Palleiras, en Combarro, onde desde as 19.30 horas estivo escoitando os desexos de grandes e pequenos na Casa de Papá Noel que forma parte do decorado deste ano.

O tour por todos os lugares de Poio continuará mañá martes, día 24. Partirá ás 11.00 horas desde a Praza do Mosteiro para visitar O Muíño, Fragamoreira, Vilariño, A Escusa, Río Mouro, Sartal, Aris, Vilar, Armada, Esperón, O Pereiro, Casalvito, Liñares e Albar, antes de rematar de novo diante da Casa Consistorial, ás 14.30 horas aproximadamente. Xa pola tarde, visitará a carpa Poio Máxico, ubicada na Seca, entre as 17.00 e as 19.00 horas.

Ademais, na Biblioteca Municipal fíxose o sorteo dos Libros do Nadal, entre todas as persoas usuarias que levaron prestado algún libro durante o mes de decembro, unha iniciativa que pretende fomentar e premiar a lectura. O beneficiario do sorteo foi Roque Troitiño Rodríguez, de 5 anos, e recibiu a cesta de libros da man da concelleira Natalia Sabarís.

Pero non foron estas as únicas citas deste luns, xa que a música e o baile do espectáculo Bulelandia, con Javi Solla e Tere animou as rúas de Raxó, onde os asistentes puideron tamén degustar os petiscos da campaña Galicia Sabe aMar, da Consellería do Mar. Durante toda a tarde, pequenos e maiores gozaron dunha xornada festiva, incluída dentro da programación do Nadal en Poio, e que contou tamén coa participación da batucada Os Queimatasas.

Unha programación que traerá este mércores, día 25, o espectáculo “Magic Space, a maxia das estrelas”, de Pedro Volta. Será na carpa Poio Máxico, ás 18.00 horas con entrada de balde. O mago Pedro Volta, que participou en programas televisivos como Got Talent, presentará a súa nova proposta coa que sorprenderá ao público con insólitos e modernos efectos de maxia, entre os que amosará un artefacto inspirado na Nasa colgado dun guindastre. Con el vai simular algún dos adestramentos dos astronautas antes de partir cara o espacio.

Xa o xoves 26, o espectáculo Bulelandia estará na Aldea da Granxa, en Campelo, a partir das 17.30 horas, mentres que o venres 27, a carpa Poio Máxico, na Seca, acollerá a Gala do Circo, presentada por Moura Teatro e co espectáculo Clownnamorado de Rudi Rudi. Será ás 18.00 horas con entrada de balde. O sábado 28 será a quenda do Mago Paco e o espectáculo “Xogo e Maxia”, tamén na carpa Poio Máxico ás 18.00 horas.Neste espazo, ademais, grandes e pequenos poderán gozar de todas as actividades que se organizan diariamente, entre as que se encontran áreas de xogo para menores de tres ano, espazos para a mocidade, inchables e actividades e obradoiros infantís. Todas as actividades son gratuítas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio