A inauguración do Nadal en Poio será o sábado 29 de novembro na Praza do Mosteiro, coa participación da Asociación Down Pontevedra – Xuntos. O Concello de Poio xa comezou a preparar os decorados das sete Aldeas de Nadal situadas en todo o municipio, protagonistas das datas festivas.
O concurso de tarxetas de Nadal organizado polo Concello de Poio xa ten gañadores. Os catro debuxos seleccionados son de Xacobe Cambeiro Durán (5 anos, Campelo), India Fuentes Moreira (7 anos, San Salvador), Aitana Martínez Alfonso (11 anos, Samieira) e Carla Esperato Miñán (12 anos, San Salvador), quedando a categoría de 15 a 17 anos deserta. Destas catro propostas, a tarxeta que vai ser utilizada polo Concello de Poio para enviar a súa felicitación institucional de Nadal será a de India Fuentes, coa súa Aldea dos Soños.
Así o decidiu o Consello Municipal de Cultura, do que forman parte membros da corporación e representantes das asociacións SCD de Raxó, SCD de Samieira, AC Vides Novas, AVV Boureante e do Ateneo Corredoira, que se reuniron para valorar os case 300 deseños presentados polos escolares menores de 18 anos que residen en Poio.
Nesta edición, incluíuse como novidade a elección das tarxetas gañadoras por idades, e non por parroquias, co obxectivo de garantir unha selección máis equilibrada entre os diferentes grupos de idade. Deste xeito, búscase evitar as diferenzas entre as propostas presentadas por nenos e nenas máis pequenos e os participantes de maior idade.
As autoras das catro postais gañadoras recibirán un premio en metálico de 60 euros e un agasallo conmemorativo. A entrega dos premios farase o sábado 20 de decembro, na carpa Poio Máxico que estará instalada na Seca. A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, agradece a implicación dos escolares, e destaca a calidade, orixinalidade e creatividade dos traballos que presentaron.
PREPARATIVOS PARA INAUGURAR O NADAL EN POIO
A inauguración do Nadal en Poio será o sábado 29 de novembro, na Praza do Mosteiro, con música, animación e conta atrás para o acendido das luces. Un acendido que este ano protagonizarán os alumnos e alumnas da Asociación Down Pontevedra – Xuntos. Con esta iniciativa o Goberno local quere recoñecer e dar visibilidade a todo o traballo desenvolto por esta entidade para apoiar e mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias, entre os que hai veciños e veciñas do municipio.
Será nese momento no que tamén se inauguren as sete Aldeas de Nadal, protagonistas da proposta festiva de Poio e que están situadas no Porto de Raxó; na praza Alfredo Romay Besada en Samieira; na Praza da Chousa, Combarro; na Praza de San Martiño; na Praza da Granxa, Campelo; no Adro da Igrexa de San Salvador e no parque Costa Xiráldez, Lourido. Ademais, a carpa Poio Máxico, onde se organizarán actuacións e actividades durante todo o Nadal, estará situada na Seca.
O Concello xa ten en marcha a decoración e montaxe das Aldeas de Nadal. Estes días empresas e traballadores municipais traballan para que todo estea a punto e repetir o éxito dos últimos dous anos, no que Poio converteuse en lugar de encontro, lecer e diversión para as familias de dentro e fóra do municipio.
Asemade, desde o Goberno local tamén están mantendo nas últimas semanas reunións con representantes das ANPAS e das asociacións culturais para coordinar a súa participación nos distintos eventos da programación de Nadal co obxectivo de convertela nunha proposta ampla, participativa e de calidade: unha programación feita por todos e para todos que se presentará nos próximos días.