Inaugurados os dous primeiros cursos gratuítos de alfabetización e competencias dixitais transversais

10/06/2024

O obxectivo é facilitar os coñecementos básicos para realizar comunicacións e transaccións seguras en liña, utilizando os seus propios dispositivos electrónicos e familiarizándose con novas oportunidades de formación e aprendizaxe.

O alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, inauguraron esta mañá os dous primeiros cursos de alfabetización e competencias dixitais transversais organizadas polo Concello de Poio. En total, son oito formacións gratuítas que buscan facilitar ao alumnado os coñecementos básicos para que poidan realizar comunicacións e transaccións seguras en liña, utilizando os seus propios dispositivos electrónicos e familiarizándose con novas oportunidades de formación e aprendizaxe.

Moldes agradeceu o interese do alumnado e subliñou “a importancia e a oportunidade que ofrecen este tipo de cursos para reducir a fenda dixital. Non só a nivel persoal ou social, hoxe estar conectados é tamén importante para mellorar a empregabilidade, para relacionarse coas administracións ou para facer calquera outro tipo de xestión diaria”.

Cada curso ten 32 horas de duración, e impártese na modalidade presencial na aula de informática situada na Reiboa. Hai oito edicións diferentes, que se desenvolverán entre xuño e novembro, cun máximo de quince persoas en cada unha. Tras estes dous cursos, os seguintes retomaranse tras o verán: a terceira edición do 23 de setembro ao 2 de outubro; a cuarta e quinta, do 14 ao 23 de outubro; a sexta e sétima, do 4 ao 13 de novembro; e o último curso será do 18 ao 27 de novembro.

As persoas interesadas pódense inscribir en calquera dos cursos que quedan por celebrarase nun formulario que atoparán na páxina web poiodixitaliza.es ou solicitar información no teléfono 604 039 575.

Entre os contidos inclúense módulos de tecnoloxías habilitadoras dixitais (2 horas), información e alfabetización dixital (6 horas), comunicación e colaboración online (6 horas), creación de contidos dixitais (6 horas), seguridade na rede (6 horas) e resolución de problemas (6 horas).

Ao finalizar a capacitación, para aqueles alumnos que superen o 80% da actividade porase á súa disposición un servizo de acompañamento para acreditar as competencias. Este proceso de asesoramento adaptarase ás necesidades individuais de cada persoa, e incluirá unha entrevista persoal, información sobre procedementos e requisitos que deben cumprir, recompilación de documentación e asistencia ata completar o proceso.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio