Concello e colectivos homenaxearán na Festa dos Maios a persoas senlleiras que contribuíron a manter esta tradición en Poio

19/03/2024

Cada ano destacarase a traxectoria dunha persoa, que elixirán os colectivos que cada ano participan nesta festa.

A Festa dos Maios deste ano homenaxeará a unha das moitas persoas que en Poio comezaron con esta festa e, ao longo dos anos, contribuíron a manter e difundir esta tradición. É unha das novidades principais da edición deste ano, tal e como se acordou na reunión que onte pola noite mantiveron o alcalde, Ángel Moldes, e os concelleiros de Cultura e de Festexos, Natalia Sabarís e Fran Dasilva, cos representantes dos colectivos locais que participan nos concursos. O obxectivo, destacan, é poñer en valor o traballo de todas esas persoas que, ano tras ano, se comprometeron e traballaron para recuperar e dar continuidade a unha das tradicións que hoxe están máis arraigadas no concello, non só coas súas creacións e composicións, senón tamén espertando este interese polas xeracións máis novas.

Conscientes de que hai moitas persoas que en Poio merecen este recoñecemento, cada Festa dos Maios se homenaxeará a unha delas que será decidida, por consenso, entre os propios colectivos. Así, nos próximos días darán a coñecer o nome da persoa á que se fará o recoñecemento este 1 de maio.

Durante o encontro, tamén avanzaron noutros aspectos da festa, entre elas consensuar as bases que rexerán os concursos deste ano e que se aprobarán a próxima semana.

A Festa dos Maios é unha das festas populares con máis tradición en Poio, de feito nos últimos anos a calidade das composicións van en aumento. A praza do Mosteiro de San Xoán énchese o 1 de maio pola mañá de vexetación, cor e música para celebrar esta festa ancestral que dá a benvida á primavera. E xa pola tarde, trasládanse á Praza da Chousa, en Combarro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio