Fol de Lume, Caos Harmónico e Arroww amosan o seu talento no escenario de Poio Máxico

28/12/2024

As tres bandas participaron na primeira edición do programa Poio Sesións, para apoiar o talento musical mozo no municipio. “Un concerto moi esperado e emocionante, despois de tantas semanas facendo seguimento dos seus avances co produtor musical e coa gravación das súas maquetas e dos vídeoclips”, sinalou Ángel Moldes.

A primeira edición do programa Poio Sesións chegou esta tarde ao seu fin, e o fixo por todo o alto, coa actuación en directo das tres bandas que forman parte desta iniciativa de aceleración musical. Foi na carpa Poio Máxico, situada na Seca, na que Fol de Fume, Caos Harmónico e Arroww subiron ao escenario para amosar ao público todo o traballo feito durante as últimas semanas e, así, despexar todas as incógnitas non só coa calidade do seu directo, senón tamén sobre a súa música, letras e vídeoclips.

“Un concerto moi esperado e emocionante, despois de tantas semanas facendo seguimento dos seus avances co produtor musical e coa gravación das súas maquetas e dos vídeoclips”, sinalou o alcalde, Ángel Moldes. Neste senso, recordou que este proxecto “naceu con moita ilusión por parte do Concello de Poio, para apoiar a todas esas mozas e mozos que hai en Poio con gran talento. E o resultado non puido ser máis gratificante, xa que amosa toda a paixón que senten pola música”.

A banda de música folk, Fol de Fume, integrada por Juan Segundo García, David Esperón, Víctor Arís, Gael Búa, Álvarez Pérez, Daniela Ferreiro, Noa Muñiz, Miguel López, Nadir Arís e Roberto Sánchez, foi a encargada de abrir o concerto coa súa canción “Camiños sen final”, letra e música de Juan A. Pérez e Roberto Sánchez. Previamente, os asistentes puideron visionar o making off e o videoclip que gravaron no Bosque de Colón.

A continuación, foi quenda de Caos Harmónico, a banda de rock que está integrada por Noa Casas, Felipe Arias, Sofía Magdalena, Sara Rodiño, Isaac Armando Hortas, Clara Alonso, Marta Puime e Daniel Montenegro, que interpretaron “Son de Poio”, con letra e música de Héctor Sartal. Tamén nesta ocasión, antes de escoitalos en directo, o público puido disfrutar do making off e videoclip.

En último lugar, Arroww, Álex Esperón Casás, colleu os mandos do DJ Set para interpretar “Eco Ancestral”. Para a gravación do seu vídeo promocional, Arroww elixiu o casco antigo de Combarro.

O Poio Sesións é un programa de aceleración musical posto en marcha polo Concello de Poio e que, nesta primeira edición, contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra. O obxectivo é apoiar a creación musical emerxente no municipio, unha iniciativa que permite acelerar proxectos e amplificar xéneros en galego entre bandas de persoas mozas non profesionais. Durante as últimas semanas, os mozos e mozas participantes recibiron asesoramento sobre as súas composicións, melodías e arranxos, da man do produtor musical Juan a. Pérez; gravaron as súas maquetas en formato MP· co produtor de son Juan José Mariño; e gravaron un vídeo musical coa dirección, imaxe e montaxe de Logan Fernández, Paula Andrés e Paula Sanmartín.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio