Finalizadas as obras de mellora no Espazo Municipal de Portosanto para ofrecer un espazo máis cómodo, funcional e acolledor

09/06/2025

Tamara González destaca que o obxectivo do Goberno local é seguir mellorando estes locais nos que concello, colectivos e asociacións desenvolven numerosas actividades.

O Concello de Poio vén de concluír as obras de mellora no Espazo Municipal de Portosanto, unha actuación que forma parte dun plan integral de posta en valor e mantemento dos espazos públicos que están a disposición das veciñas e veciños. Grazas a estes traballos, as persoas usuarias dispoñen agora dun espazo máis cómodo, funcional e acolledor, axeitado para o desenvolvemento das diferentes actividades culturais e sociais que se impulsan desde o concello e dos colectivos locais.

Segundo explicou a concelleira de Espazos Municipais e Xuventude, Tamara González, a intervención centrouse na reparación do tellado da casa, resolvendo así un dos principais problemas estruturais que padecía esta instalación: as filtracións de auga que, ademais de provocar danos nos materiais, condicionaban seriamente o uso do espazo durante os meses de inverno. Unha vez solucionadas estas deficiencias, procedeuse tamén ao pintado completo do interior e á colocación dun friso nos laterais, co obxectivo de mellorar o illamento e previr problemas futuros derivados da humidade. Ademais, procedeuse á limpeza integral do patio exterior da vivenda.

“A actuación realizada permite mellorar de maneira significativa as condicións nas que se desenvolven as diferentes actividades, ofrecendo un ambiente máis confortable e cálido que incide directamente na calidade e no benestar das persoas usuarias”, destacou a concelleira, quen engadiu que estas melloras tamén responden ás demandas formuladas polas entidades locais que empregan o espazo habitualmente.

Neste senso, González subliñou que a vontade do Goberno municipal é continuar avanzando na mellora progresiva de todos os espazos municipais, “escoitando as necesidades que van xurdindo e dando resposta a través dunha comunicación fluída, constante e construtiva cos colectivos e asociacións que desenvolven a súa actividade no noso municipio”.

As obras foron financiadas con fondos propios do Concello de Poio e están integradas nun plan máis amplo de intervención e mantemento dos equipamentos municipais. Neste último ano, xa se levaron a cabo actuacións semellantes noutros espazos como os de O Bao, Sartal, Ucha ou na Casa Museo de Colón, entre outros.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio