Este ano centrarase en homenaxear ás persoas que impulsaron esta festa que celebra a súa XXXVI edición. Azúcar Moreno actuará o sábado 19 na Praza da Granxa, con entrada de balde. Inclúense ludotecas infantís gratuítas o sábado e domingo de 13.00 a 17.00 horas e espectáculos familiares.
O Concello de Poio presentou esta mañá na Lonxa a programación da XXXVI Festa da Ameixa de Campelo, una edición na que queren render homenaxe aos seus impulsores e que mesturará gastronomía, propostas para todos os públicos, música en directo e ambiente mariñeiro para render culto ao produto estrela da ría.
O alcalde, Ángel Moldes, agradeceu a implicación e o traballo de todas as persoas, veciñas e veciños, pero tamén confrarías, agrupacións de mariscadoras, empresas locais e colectivos que a fixeron posible durante todo este tempo. “É un orgullo presentar unha nova edición da Ameixa de Campelo, a nosa festa máis senlleira e, sobre todo, facelo despois dun ano tan duro para un sector do que dependen moitísimas persoas no noso concello”, subliñou. Con todo, explicou que nesta edición o seu recoñecemento vai ser para todas as persoas que impulsaron a celebración da Ameixa. “É momento de render homenaxe e recoñecer o papel de todas esas persoas precursoras da Festa da Ameixa que apostaron por facela realidade. Mulleres e homes que deron forma a unha idea, que arriscaron e confiaron no noso produto e, grazas a isto, hoxe podemos falar de contar en Campelo cunha festa única, arraigada e que permite dinamizar a economía local e potenciar a imaxe do noso concello”.
Así, explicou que o venres 18 a festa inaugurarase cun acto institucional no que se renderá homenaxe a todos os impulsores: Ricardo Collazo, José María Cores, Ricardo Pérez, Pedro Luis Soto, Ramón Blanco, Rafael Caldas, restaurantes Aquí Está, Casa Otilio, Bar Quiniela, Casa Laura, Ángela e José Benito Fernández Carballa. A título póstumo, tamén se recordará a Emilio Castiñeira, Jaime Pousada e Francisco Villaverde, todos membros da Asociación de Veciños de Campelo, e a Germán Alvariño Ucha.
Tamén neste acto entregarase a Ameixa de Prata a vinte mariscadoras e mariscadores das tres confrarías que traballan en Poio -Confrarías de Raxó, San Telmo e Lourizán- que se xubilaron ao longo do último ano.
Con respecto á parte gastronómica, Moldes explicou que a Festa da Ameixa debe ser un escaparate para este sector e por iso faise con produto da ría. Nesta edición, será japónica porque é o produto que agora mesmo se pode extraer dos bancos marisqueiros e, como xa é tradición, poderase degustar á mariñeira (9,50€), con fideos (8,50€) e arroz con ameixas (8,50€). Como principal novidade, a apertura da carpa degustación adiántase ao venres, a partir das 20.00 horas. O sábado poderase degustar a ameixa de 12.00 a 16.00 horas e de 20.00 a 23.00 horas, e o domingo, de 13.00 a 16.00 horas.
No apartado musical, o prato forte será o concerto de Azúcar Moreno, o sábado ás 23.00 horas na Praza da Granxa, e con entrada de balde. Antes, desde as 21.00 horas, actuará Gustaivo Almeida e a noite rematará coa música do DJ Jorge Álvarez.
Pero tamén haberá sesións vermús o sábado e domingo, ás 13.00 horas, con Terapia de Grupo e Take it Easy respectivamente. O domingo, ás 19.00 horas, a orquestra Ritmo Joven animará a festa, mentres que os fogos artificiais será ás 21.30 horas.
Ademais, haberá canción mariñeira o venres con Pontis Veteris e Os Chispas do Lérez, e ao longo de toda a fin de semana inclúense as actuacións de agrupacións locais como Vides Novas, a Escola de Música Tradicional de Poio e a Escola de Acordeóns de Campelo.
Para os máis pequenos, o Concello de Poio organiza ludotecas infantís gratuítas con monitores que organizarán actividades e xogos o sábado e o domingo, de 13.00 a 17.00 horas. Ademais, o sábado inclúese tamén, ás 18.00 horas, o espectáculo Máis Saaabor!, unha proposta cómida para o público infantil e familiar de creación propia e dirixda por Avelino González en torno ao mundo da gastronomía e a alimentación saudable. Máis Saaabor! Mestura música en directo, maxia, humor, moito ritmo e participación do público.