Familiares e amigos inauguran en Raxó a rúa de Lalo e Aurita e a Travesía Gonzalo Rodríguez Sanín

19/09/2025

Ángel Moldes subliña “o orgullo de ver como a veciñanza mantén viva a memoria de persoas que foron exemplo de traballo, xenerosidade e compromiso co seu pobo”.

Os viais que foron renomeados por iniciativa popular en homenaxe a veciños moi queridos da parroquia de Raxó contan desde esta mañá coas súas respectivas placas identificativas, colocadas en dous actos moi emotivos que reuniron a familiares, amizades e veciñanza.

Nestas homenaxes, nas que houbo moitas emocións e recordos, e que contaron coa participación de numerosos familiares, veciños e membros do Goberno local, o alcalde Ángel Moldes destacou a importancia de manter viva a memoria colectiva a través da toponimia local, lembrando que homenaxes como estes, impulsados por iniciativa popular, contribúen a recoñecer o legado persoal e profesional de persoas que deixaron unha profunda pegada. “Moitas veces buscamos o nome lonxe das raíces do noso concello, cando temos aquí moitas persoas, mulleres e homes, que fixeron unha importante labor”, destacou, ao tempo que salientou que “esta é a mellor homenaxe que se lle pode facer, a que xurde do propio pobo polo amor, cariño e o respecto que lle tiñan a Lalo, Aurita e Gonzalo”.

En concreto, o vial que conecta a rúa Lameiriña coa Avenida da Toxa (PO-308), á altura do número 35 e ata agora sen nome, leva desde hoxe o nome de Travesía Gonzalo Rodríguez Sanín, como homenaxe ao fundador do Mesón Lameiriña, un hostaleiro moi querido na contorna, falecido en xullo de 2023. Natural de Samieira, en 1991, xa casado con Carmen, fundou o Mesón Lameiriña ao pé da estrada PO-308, adicado a ofrecer aos seus clientes o mellor produto da ría. Ao longo de 33 anos, conseguiron converter este establecemento nunha referencia gastronómica para toda a comarca.

Pola súa parte, a antiga segunda Travesía da Praia, situada xunto ao bordo marítimo e que conecta a rúa Dr. Clemente Echevarría Novoa coa Rúa da Praia, pasa a denominarse oficialmente Rúa de Lalo e Aurita, en lembranza de Eduardo Agís Fernández (Lalo) e Aurea Besada Sanmartín (Aurita). Foron un matrimonio de Raxó que, partindo de orixes humildes e de necesidade, conseguiron mellorar economicamente e axudar a boa parte da veciñanza da parroquia. Cunha longa traxectoria no mar, que levou a Lalo a ser o patrón de baixura máis novo de España e a capitanear varias embarcacións, durante moitos anos rexentaron o afamado “Casa Verísimo”, lugar de referencia gastronómica e social da comarca grazas á mestría na cociña tradicional de Aurita.

Familiares dos protagonistas foron os encargados de descubrir as novas placas, visiblemente emocionados polos aplausos e o cariño da veciñanza. Tamén se lembraron, con palabras de afecto, as súas traxectorias persoais e profesionais, así como a pegada que deixaron na comunidade.

Por último, o alcalde subliñou “o orgullo de ver como a veciñanza mantén viva a memoria de persoas que foron exemplo de traballo, xenerosidade e compromiso co seu pobo”.

Estes cambios de nome foron aprobados por maioría da corporación no pleno de marzo de 2024 e, tras os trámites administrativos pertinentes, comunicáronse xa a institucións, organismos e empresas de servizos públicos, así como ao INE.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio