Ángel Moldes asegura que co éxito desta edición, demóstrase que “isto é o que os veciños, o sector e Combarro necesitaban e demandaban. Desde o xoves a Festa do Mar supuxo un impulso importante para o sector turístico e o desenvolvemento socioeconómico do noso municipio”.
O Concello de Poio amosa a súa “satisfacción” polo “éxito” dunha edición da Festa do Mar de Combarro “sobresaliente” que, segundo indica o alcalde, Ángel Moldes, reafirma “a nosa aposta por recuperar a súa orixe, a tradición e identidades mariñeiras cunha programación ampla, variada e para todos os públicos”.
Unha fórmula que, recorda, “implantamos o ano pasado, recuperando a esencia desta festa e ampliando as propostas para que sexan máis as persoas que se animen a participar nela. E co éxito desta edición, demóstrase que era o que os veciños, o sector e Combarro necesitaban e demandaban”.
Un éxito que, asegura, queda probado coa “impresionante” participación que conseguiron todas as actividades. “Esta programación ampla, atractiva e de calidade, con propostas moi potentes trouxeron ata Combarro milleiros de persoas para disfrutar de todas elas porque, independentemente das súas preferencias, todas atoparon na Festa do Mar programación adaptada ao seu gusto”. Nesta liña, agradece a participación de colectivos e veciños que colaboraron coa festa porque “este éxito é seu”.
Pon como exemplos o interese que espertan as exposicións incluídas na Carpa-Museo, os concertos e veladas nocturnas, as propostas infantís, a mostra de canción mariñeira, o de embarcacións tradicionais ou as sesións vermú con música en directo. De feito, engade que a Praza da Chousa quedou pequena en cada un dos concertos organizados: desde o musical Camiñantes e Cantantes que espertou gran interese entre o público máis adulto, e Broken Peach, para o máis mozo, o xoves, ata The Rapants o venres e onte, sábado, coa Gala da Festa do Mar que incluíu as actuacións de Soraya e Bombai e que foron “un éxito rotundo”.
Por todo isto, subliña que “desde o xoves a Festa do Mar supuxo un impulso importante para o sector turístico e o desenvolvemento socioeconómico do noso municipio”. Así, asegura que “o Concello de Poio é un aliado para o sector e non unha competencia” e, por iso, este ano repetiron a experiencia de trasladar a gastronomía para os restaurantes e tabernas, o que permitiu aos visitantes comprobar a calidade do produto e dos locais no municipio. Con respecto ás foodtrucks da Consellería de Mar, Galicia sabe Amar, volveron rexistrar cifras récord, co reparto de máis de 1.600 petiscos diarios.