O festival Ondas de Salitre pechou a súa edición cun balance moi positivo, reunindo a centos de persoas —veciños e visitantes— que se achegaron a Raxó durante a fin de semana para gozar da música en directo. Os concertos de Luar na Lubre, referencia do folk galego, e da banda Gin Toni’s, con versións do mellor do pop-rock español desde os anos 80, foron un auténtico éxito de público durante a ponte festiva, demostrando a boa acollida de dúas propostas musicais moi diferentes.
Dende o Goberno local destacouse o compromiso por potenciar a cultura como motor de dinamización social e económica, apostando por levar a programación cultural a todas as parroquias do municipio. Ondas de Salitre é boa mostra desa aposta: música en directo na rúa, con acceso libre e pensada para todos os públicos.
O Concello de Poio está promovendo ao longo de todo o ano unha ampla programación cultural, lúdica e deportiva coa que está enchendo de vida as rúas, prazas, parques e praias, ofrecendo tempo de lecer e de ocio para todas as idades ao mesmo tempo que se contribúe á dinamización socioeconómica do municipio. Así, este festival súmase a unha programación ampla e variada que nas últimas semanas incluíu tamén eventos como o festival de música urbana Senda do Mar, a Festa da Xuventude de Samieira ou o ciclo familiar Xullo Máxico.