A proba absoluta comezará ás 19.00 horas desde a Praza da Granxa, onde tamén estará habilitada a liña de meta, e percorrerá diferentes espazos do municipio. A Consellería do Mar instalará unha das súas foodtrucks de Galicia sabe Amar, na que os asistentes poderán degustar algún dos petiscos elaborados con produtos do mar e da terra.
O tradicional maratón de Fátima, organizado polo Concello de Poio coa colaboración da Asociación de Veciños de Campelo, dispútase mañá, sábado 31 de maio, con máis de 310 persoas inscritas nas diferentes categorías, un éxito de participación que vén a consolidar o importante incremento de corredores que xa se notou na edición anterior, e duplicando a participación con respecto a 2023.
A recollida de dorsais e chips farase o mesmo día da proba, entre as 17.45 e as 18.50 horas. A proba absoluta comezará ás 19.00 horas desde a Praza da Granxa, onde tamén estará habilitada a liña de meta, e percorrerá nunha distancia de 7,5km diferentes espazos do municipio, pasando por Lourido, a praia de Cabeceira, A Seca… Á marxe da carreira absoluta, tamén haberá outros oito grupos, en función da idade. Establécense as categorías chupete (ata 3 anos), biberón (nados entre 2020 e 2022), xouba (entre 2019 e 2016), xurel (de 2015 a 2012), ollomol (entre 2011 e 2008), sénior (entre 2007 e 1990), máster A (de 1989 a 1976) e B (ata 1975), tanto femininas como masculinas. As distancias dependen de cada tramo de idade. Comezarán as categorías Xouba e Xurel ás 18.30 horas. Haberá premios para as tres primeiras persoas clasificadas en cada categoría, desde os nados no ano 2016. Tamén haberá distincións para a primeira e o primeiro atletas locais na carreira absoluta.
Campelo volverá a ser protagonista dunha gran xornada de convivencia e deporte, na que tamén contará coa participación das foodtrucks Galicia sabe Amar, da Consellería do Mar, que estarán situadas na Praza da Granxa entre as 18.00 e as 21.00 horas para que os asistentes poidan degustar algún dos petiscos elaborados con productos do mar e da terra.