XII Día de Colón

O Concello de Poio e as asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas organizan a XII edición do Día de Colón, o 8 e 9 de maio en Combarro, unha cita xa consolidada que combina historia, cultura e lecer.

 

Durante dúas xornadas, esta vila mariñeira converterase nun escenario vivo para rememorar a figura de Cristóbal Colón e a súa vinculación con Poio, a través dunha completa programación pensada para todos os públicos. As rúas de Combarro encheranse de vida con actividades e espectáculos de ambientación medieval, que incluirán música en directo, animación de rúa, mercado artesanal, representacións e propostas participativas.



PROGRAMACIÓN

O Día de Colón comezará o venres 8 de maio coa chegada, ás 19.30 horas, da nao Santa María con Colón e a súa tripulación á Praza da Chousa, onde se instalará o mercado medieval e haberá xogos tradicionais. A continuación, terá lugar o pregón a cargo de Mundo Nores. A xornada rematará cunha exhibición de cetrería e bailes medievais coa Asociación Leucoíña.

 

O sábado 9, desde as 11.00 horas, a Praza da Chousa acollerá talleres demostrativos de canteiros, cesteiras, palilleiras e redeiras, así como clases de esgrima medieval e mercado artesanal. Na Praia do Padrón desenvolveranse exhibicións e obradoiros de tiro con arco.

 

Ao longo de toda a xornada, diferentes grupos e artistas percorrerán as rúas con música e animación, entre eles Vides Novas, a Escola de Música Tradicional de Poio, Os Mendigos, As Pandereiteiras do Ronsel, Os Queimatasas e Os Vikingos. Tamén haberá bailes medievais coa Asociación Leucoíña e teatro itinerante con Moura Teatro.

 

A Festa dos Meninos, con zona infantil, comezará ás 11.30 horas. Durante a mañá tamén haberá exhibicións de esgrima histórica e cetrería.

 

Xa pola tarde, continuará o tiro con arco na Praia do Padrón, mentres que na Praza da Chousa o Grupo de Carnaval Samieira organizará xogos tradicionais como carreiras de barrís e de sacos ou lanzamento de alpacas. Tras unha nova exhibición de cetrería, ás 18.30 horas dará comezo a Xusta Medieval, unha das citas máis esperadas. A programación completarase co concerto de Os Mendigos, ás 20.00 horas, e un espectáculo medieval de lume ás 21.00 horas.



Scroll al inicio