Estreamos o servizo de bibliopraia en Cabeceira durante xullo e agosto

05/07/2024

Natalia Sabarís sinala que “seguro que moitos lectores aproveitan dos días de sol para ler na praia, ou quizais haxa outros que se animen a adquirir novos hábitos durante as vacacións. Sexa cal sexa o motivo, desde o Concello de Poio ofrecemos diferentes propostas de lecturas”.

O Concello de Poio estrea o servizo de bibliopraia no areal de Cabeceira durante os meses de xullo e de agosto. A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, achegouse ata esta praia, na que xa ondea a Bandeira Azul, para promocionar un servizo que pretende fomentar a lectura durante as vacacións. “Seguro que moitas e moitos lectores aproveitan dos días de sol para ler na praia, ou quizais haxa outros que se animen a adquirir novos hábitos durante as vacacións. Sexa cal sexa o motivo, desde o Concello de Poio ofrecemos diferentes propostas de lecturas, para nenos e adultos, para todas aquelas persoas que queiran disfrutar dun rato agradable na praia”, explica.

Así, no horario de apertura da caseta dos socorristas, os bañistas teñen á súa disposición de libros en préstamo en galego, español e inglés. Algúns dos exemplares que poden atopar son dos Bolechas, Futbolísimos, O Monstro de Cores, ou para adultos como El juego de Ripper, de Isabel Allende ou La Villa de las telas, de Anne Jacobs. Ademais, dos libros físicos, tamén se ofrece información sobre a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas: Galiciale, para quen prefira a lectura dixital.

Desde a concellería chaman á responsabilidade dos usuarios para que, unha vez rematen coa lectura, fagan a devolución do libro tamén na caseta dos socorristas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio