O alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Turismo, Rocío Cochón felicitan aos participantes agradecéndolles o seu interese por mellorar o coñecemento e a difusión dos valores patrimoniais e turísticos de ambos os emprazamentos
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Turismo, Rocío Cochón,entregaron esta mañá no Casal de Ferreirós os diplomas a unha nova quenda de alumnos da formación especializada e gratuíta sobre Turismo Patrimonial en Combarro e a Illa de Tambo, organizada polo Concello de Poio.
As persoas que finalizaron hoxe o curso pertencen á segunda das tres quendas desta acción formativa, con 45 prazas en total, dirixidas a guías turísticos ou persoal con relación profesional en Combarro ou Tambo.
Durante este segundo curso, que comezou o venres 25 de outubro, máis dunha decena de profesionais afondaron no patrimonio, a historia, a natureza e os valores turísticos dos dous lugares, cun programa dinámico, práctico e participativo impartido por persoal experto. A formación, de 30 horas, incluíu material didáctico de gran valor, como a “Guía do Casco Histórico de Combarro”, do profesor Rafael Vallejo, e completouse con senllas visitas didácticas á Illa de Tambo e ao centro histórico combarrés.
A formación inclúese no proxecto ‘Turismo Patrimonial en Combarro e Tambo’, financiado polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) a través da Consellería do Mar e o GALP Ría de Pontevedra, mediante unha subvención de 12.471 euros co obxecto de diversificar a economía das zonas costeiras. Os tres cursos compleméntanse coa edición de 1.000 trípticos sobre Combarro e a Illa de Tambo.
Tras entregar as credenciais, os representantes do Goberno local agradeceron o interese de todos os participantes por mellorar o coñecemento e a difusión dos valores patrimoniais e turísticos de dous emprazamentos “fundamentais para Poio”
Este luns, 11, comezará o terceiro e último dos cursos programados para este ano. Desde o Concello subliñan que, por anulacións de última hora, queda algunha praza libre, e animan a todos os interesados a anotarse no correo turismo@concellopoio.org ou no teléfono 986 83 32 04.