Entrega de compost a particulares para o seu uso en hortas e macetas

04/06/2024

O concelleiro de Medio Ambiente tamén fixo entrega dos diplomas ao alumnado que participou no curso “Cosmética natural e limpeza ecolóxica do fogar”.

O Concello de Poio vén de facer entrega a varios veciños e veciñas de sacos de compost resultante do tratamento que se realiza nos Centros de Compostaxe Comunitario. Así, este venres entregáronse preto de 30 sacos no centro situado no lugar de Ferreirós para usar como fertilizante para terreos, hortas e macetas. Un reparto que se fai de xeito totalmente gratuíto entre a veciñanza de Poio, dándolle prioridade ás persoas que son usuarias habituais destes centros de compostaxe situados en San Salvador.

Este compost é un fertilizante natural, válido para agricultura ecolóxica, e é o resultado de mesturar os restos orgánicos que se depositan no recipiente con madeira triturada, logo de pasar polo proceso de compostaxe.

Por outra banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, tamén fixo entrega estes días dos diplomas ao alumnado que participou no curso “Cosmética natural e limpeza ecolóxica do fogar”, que se desenvolveu na Casa Rosada. Cunha duración de 12 horas, amosáronse métodos de elaboración tradicional e explicacións sinxelas para o recoñecemento das plantas, flores e demais produtos naturais que se utilizan en cada elaboración de cosmética natural, desde xabóns para a cara ou o corpo, ata o coidado do fogar con produtos naturais.

O último dos catro obradoiros organizados para este primeiro semestre do ano por Medio Ambiente, “Alimentación terapéutica”, desenvolverase a partir do martes 11 de xuño e xa ten todas as prazas cubertas. Neste caso, o obxectivo é introducir ás persoas participantes no mundo da fermentación caseira, un método de conservación tradicional que ofrece moitas posibilidades para transformar e crear alimentos superiores en nutrientes, desenvolver novos aromas e sabores, reducir o desperdicio orgánico e xerar unha maior conciencia de aproveitamento.

Manuel Domínguez destaca o grande interese que espertaron entre a veciñanza todas as formacións programadas polo Concello de Poio para fomentar a economía circular e o respecto ao medio ambiente, cubrindo todas as prazas dispoñibles en calquera dos catro cursos en tempo récord.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio