Enpoio outorgará un premio de 200 euros ao disfrace máis elaborado durante o desfile de entroido

06/02/2024

A asociación empresarial EnPoio outorgará un premio de 200 euros ao disfrace máis elaborado durante o Desfile de Entroido que este domingo organiza o Concello de Poio, que sairá ás 12.00 horas desde a Biblioteca Municipal para rematar na Praza da Granxa, en Campelo.

Desde o colectivo, que presentou esta iniciativa esta mañá na Casa do Concello acompañado pola concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, indican que o obxectivo é contribuír a dinamizar o Entroido de Poio e, ao mesmo tempo, aproveitar a súa repercusión para dar visibilidade aos seus socios. O premio consistirá en vales de compra para gastar en calquera dos establecementos adheridos á asociación. O xurado estará formado por tres persoas seleccionadas pola entidade.Esta é a principal novidade que EnPoio pon en marcha este ano durante o Entroido, ademais tamén están organizando un entroido virtual nas redes sociais cun concurso de disfraces nas categorías adultos, infantil e mascotas, cun premio por valor de 50 euros tamén para gastar nun único establecemento adherido na asociación. Para participar hai que publicar unha foto en facebook ou instagram e etiquetar a Enpoio (@enpoio).INSCRICIÓNS PARA O DESFILE DO ENTROIDO DE POIODesde o Concello de Poio recordan que mañá martes, día 6, remata o prazo para inscribirse no Desfile de Entroido de Poio para os grupos a través da sede electrónica do concello. As categorías individuais ou en parella poden anotarse o mesmo día do desfile, entre as 9.30 e as 11.00 horas nas inmediacións da biblioteca municipal. Repartiranse 4.450€ en premios nas categorías individual, parella ou grupo, tanto en infantil (ata 14 anos) como adultos (desde os 15 anos). Ademais, haberá distincións especiais choqueiro e animación compatibles co resto de premios.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio