A actuación permitirá renovar por completo a área infantil, incorporando unha temática inspirada na identidade costeira de Poio e creando un espazo de xogo seguro, accesible, atractivo e inclusivo. As empresas interesadas dispoñen de 15 días naturais dende a publicación no perfil do contratante para presentar as súas propostas.
O Concello de Poio xa ten en marcha o proceso de licitación para remodelar o parque infantil Costa Xiráldez, en Lourido, con temática inspirada na identidade costeira do municipio. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o expediente de contratación e, unha vez publicado no perfil do contratante, as empresas disporán de 15 días naturais para presentar as súas propostas.
O Concello de Poio quere crear en Lourido un parque infantil con temática mariña, unha área de xogo que acollerá, entre outras pezas, unha torre-faro con xogos integrados, trampolín circular, columpios inclusivos e para bebés, un circuíto de aventuras e outros xogos adaptados a diferentes idades. Ademais, a reforma do parque manterá a tirolina actual.
Tal e como explica o alcalde, Ángel Moldes, o avanzado estado de deterioro do actual parque infantil de Costa Xiráldez, con pezas moi antigas e rotas que supoñen un perigo para a cativada fai prioritaria unha reforma integral: “Queremos ofrecer aos máis pequenos da casa áreas de xogo atractivas e diferentes. Parques temáticos para que xogar se converta nunha auténtica aventura, para que non sexa o mesmo pasar unha tarde en Lourido, en Ánkar, na Seca ou no resto de zonas infantís que hai no noso municipio”, sinala.
O orzamento de licitación ascende a preto de 200.000 euros para un contrato mixto con predominio do subministro, que se adxudicará por procedemento aberto. Unha vez adxudicado, a empresas disporán dun prazo máximo de tres meses para executar a obra.
Esta actuación forma parte do plan integral do Goberno local para modernizar e mellorar as áreas de xogo de Poio. Entre as intervencións máis destacadas inclúese a creación da primeira pista pump-track de Poio e a renovación do parque da Seca, o novo parque temático sobre Cristóbal Colón en Ánkar —xa na súa fase final—, a creación dunha pista multideportiva en Vilariño ou a recente consecución dos terreos para o primeiro parque infantil público en Samieira. Ademais, continúan realizándose tarefas de mantemento e mellora nas zonas de xogo de todo o municipio.
Moldes pon en valor que son moitas as familias de dentro e fóra de Poio que visitan con frecuencia toda esta contorna, e por iso o obxectivo é ofrecer espazos e servizos seguros e de calidade. Neste senso, recorda que, como xa fixeron na Seca ou en Ánkar, tamén en Lourido se incluirán xogos e pezas inclusivas e outras adaptadas para bebés.