Desenvolverase durante toda a semana na Aula Cemit de Combarro, con contidos adaptados por idades para fomentar o uso útil, creativo, seguro e responsable das tecnoloxías.
O Concello de Poio, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, puxo en marcha esta mañá o Campamento Dixital, unha nova proposta formativa e lúdica dirixida á mocidade de entre 9 e 17 anos. A actividade celébrase durante toda a semana na Aula Cemit de Combarro e reúne a un grupo de 17 rapaces e rapazas do municipio.
O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Xuventude, Tamara González, visitaron esta mañá o espazo para coñecer de primeira man a experiencia que están a vivir os participantes. O Campamento Dixital é unha das principais novidades do programa estival de actividades xuvenís que promove o Concello este verán.
A iniciativa ten como obxectivo achegar ás novas xeracións competencias dixitais clave para o seu desenvolvemento persoal, académico e futuro profesional. Os contidos están adaptados segundo as franxas de idade, garantindo unha aprendizaxe útil e adaptada ao nivel de cada grupo.
Esta iniciativa está impulsada pola Fundación Cibervoluntarios, dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia posto en marcha polo Ministerio de Xuventude e Infancia e financiado con Fondos Next Generation da UE.
O Campamento Dixital súmase ao completo abano de actividades que organiza este verán o Concello de Poio para que a mocidade goce das súas vacacións con propostas lúdicas, formativas e culturais. Así, ademais desta actividade, o verán do Concello de Poio ofreceu o campamento cultural “Teatreirxs” no Xaime Illa, en Raxó, a Semana Máxica para alumnado de 5º de primaria a 2º da ESO e, en colaboración coa Xunta de Galicia, o campo de voluntariado “Costa Azul” e o minicampamento “As pegadas da historia”.