En marcha as obras de renovación do saneamento e pluviais na Caeira

07/08/2025


Esta actuación estase realizando a través dun convenio asinado entre o Concello, a promotora Zoe Home e Inmobiliaria Club de Tenis. Inclúe a separación das redes de abastecemento e saneamento, un paso fundamental para mellorar a eficiencia do sistema, evitar sobrecargas da rede e garantir unha mellor xestión dos recursos.

O Concello de Poio xa ten en execución as obras para renovar o sistema de saneamento e pluviais na Caeira, unha actuación que, como explica o concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, se está realizando grazas a un convenio de colaboración asinado entre o Concello, a promotora Zoe Home e a Inmobiliaria Club de Tenis.

Este proxecto conta cun investimento de 72.026,00 euros, financiado integramente por Zoe Home, e conta cun prazo de execución de dous meses.

Zoe Home está a desenvolver na actualidade unha promoción de 27 vivendas unifamiliares pareadas e adosadas nas rúas Illa de Ons e Illa de San Simón, en Boa Vista. No marco deste proxecto, tiña previsto executar a conexión á rede de pluviais e saneamento mediante pozos de bombeo ata a rede existente na rúa Illa de Tambo. Unha rede que, na actualidade, está ao final da súa vida útil, provocando avarías e roturas e ocasionando problemas de inundación nas pistas de tenis e mesmo en vivendas, xa que parte da rede transcorre a través desta instalación e, incluso, os colectores están situados en parcelas privadas nas que, con posterioridade, se foron construíndo edificios e, por este motivo, non é posible ter acceso para realizar ningunha actuación.

Co obxectivo de solucionar esta problemática, as tres entidades implicadas –Concello de Poio, Zoe Home e Inmobiliaria Club de Tenis– asinaron un acordo para renovar e mellorar o trazado das redes de saneamento e pluviais, que se desprazarán aos viais públicos, eliminando o paso por propiedades privadas. Esta mellora beneficiará tanto ás novas vivendas en construción como ao conxunto da comunidade da Caeira.

Así mesmo, no marco desta actuación, García subliña que tamén se levará a cabo a separación das redes de abastecemento e saneamento, “un paso fundamental para mellorar a eficiencia do sistema, evitar sobrecargas da rede e garantir unha mellor xestión dos recursos”.

O novo trazado iniciarase na rúa Illa de San Simón, continuará pola zona este da parcela do club de tenis e conectará coa rede na rúa Valiña, á altura dos edificios número 8 e 12. Neste caso, eliminarase a servidume para o paso dos servizos a través do club de tenis polo centro das pistas, e trasladarase a un dos extremos da parcela, evitando deste xeito os problemas actuais de inundacións nas zonas de xogo.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio