Irene Mariño e Pilar Santiago, recoñecidas como mellores lectoras da Biblioteca Municipal en 2025.
O Concello de Poio pon en marcha a terceira edición do Reto Lector da Biblioteca Municipal, unha iniciativa consolidada que nesta ocasión amplía o seu alcance incorporando tamén ao público infantil. O reto ten como finalidade fomentar o hábito lector e espertar o interese por distintos xéneros literarios a través dunha proposta temática diferente para cada mes do ano.
A concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, destaca que “o Reto Lector é unha oportunidade para descubrir novos títulos e achegarse a obras que, quizais, doutro xeito non escolleríamos das estanterías da biblioteca e que, finalmente, acaban por sorprendernos e atraparnos na lectura”. Neste senso, considera especialmente relevante a participación da rapazada, xa que “espertar a curiosidade e crear hábito lector dende idades temperás é unha oportunidade marabillosa”.
Para participar nesta terceira edición do Reto Lector basta con dispoñer do carné da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e inscribirse no mostrador de préstamo da Biblioteca Municipal de Poio, onde se lle facilitará unha cartilla de control que cada participante irá selando cada mes ata superar o reto. O premio é ler, descubrir novos xéneros, títulos e escritores, pero tamén todas as persoas que superen o reto activarán un poder, que eliminará unha sanción por devolución fóra de prazo na biblioteca durante o 2027 e un agasallo sorpresa.
O reto dos adultos inclúe como proposta de lectura para o mes de xaneiro “Ler antes de Morrer”; para febreiro deberán elixir unha lectura con temática amorosa; en marzo libros con adaptacións cinematográficas; en abril unha lectura para compartir coa familia; maio, unha novela distópica; en xuño, un manga ou novela gráfica; para xullo resérvase un “Feito en Galicia”; en agosto a proposta é “Con moita Filosofía”; setembro, libros recomendados polos usuarios e usuarias da biblioteca; outubro, “Animalarios”; novembro, literatura gótica e conclúe en decembro con “segundas oportunidades”.
No caso do Reto Infantil, xaneiro comeza cun “libro ao chou”; febreiro cun conto de temática amorosa; marzo con libros que teñan unha adaptación cinematográfica; abril cunha lectura para compartir en familia; maio cun libro informativo sobre a natureza; xuño cun cómic ou manga; xullo estará dedicado ao “feito en Galicia”; agosto a curiosidades e outras cousas; setembro a libros recomendados polos usuarios; outubro a contos de animais; novembro a historias de imaxinación ou misterio; e decembro a lecturas relacionadas co Nadal.
Por outra banda, Natalia Sabarís fixo entrega esta semana dos premios aos mellores lectores da Biblioteca Municipal en 2025, que recaeron en Pilar Santiago Alfonso, de Campelo, na categoría adultos, e en Irene Mariño Piñeiro, de sete anos e veciña de Campelo, entre os lectores infantís.
O premio, un lote de libros como recoñecemento “a un gran hábito, o da lectura, que esperta a creatividade, fomenta o coñecemento e mellora a comunicación, entre outros moitos beneficios”. Nesta liña, convida á veciñanza a aproveitar todos os recursos que ofrece a Biblioteca Municipal de Poio.