O deseño de Emilia Hanna será a imaxe oficial da cartelería da festa que se celebra en xuño. O concelleiro de Festexos, Fran da Silva, destaca a importante participación na edición deste ano, con preto de 500 traballos presentados.
O concurso de carteis do San Xoán organizado polo Concello de Poio xa ten gañadores. Na categoría A, a estudante gañadora é Elia Millán Bugallo, de 8 anos; na categoría B, o cartel elixido é de Alba Contra Merayo, de 10 anos; na categoría C, Marcos Dasilva González, de 12 anos; e na categoría D, o cartel gañador é o de Emilia Hanna Beck Carrera, de 15 anos. De todos eles, o deseño elixido para ser a imaxe oficial da cartelería e promocionar as festas do San Xoán, que se celebra do 22 ao 27 de xuño, é o de Emilia Hanna Beck.
O concelleiro de Festexos, Fran da Silva, puxo en valor a importante participación que se conseguiu este ano, con 488 deseños fronte aos 200 da última edición. Así, agradeceu á cativada o seu esforzo e a calidade dos traballos, e aos centros de ensino que se involucrasen con un concurso que, engade, “pretende espertar a creatividade do alumnado e involucralo nunha das festas grandes do concello”.
O Concello de Poio repartirá 440 euros en vales para canxear nas librerías locais e un agasallo conmemorativo entre os gañadores. Así, na categoría A, o vale será por importe de 80 euros, na categoría B 100 , na C 120 e na D, 140 euros.