DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA DÁ VIDA A #FALABONITO, UNHA CAMPAÑA PARA INCENTIVAR O USO DO GALEGO NO EIDO EDUCATIVO

12/01/2024

2023.

A concelleira de Dinamización Lingüística, a nacionalista Raquel Rodríguez, mantivo este martes unha reunión con integrantes das equipas deste departamento nos diferentes centros educativos de Poio, para presentarlles os detalles da campaña #FalaBonito, destinada, precisamente, ao tecido educativo do municipio. Esta acción forma parte das diferentes iniciativas que deste esta área se están a impulsar co obxectivo de incidir na promoción e fomento da utilización da lingua galega en diferentes niveis.

Tal e como explica Rodríguez Alonso, a través de #FalaBonito anímase a que nos centros de ensino se desenvolvan diferentes actividades para consolidar “o uso da nosa lingua no día a día”. Así, entre as propostas deseñadas dentro desta campaña figuran, por exemplo, o emprego do galego entre os claustros e o alumnado durante un tempo a determinar, para potenciar o hábito do seu uso. “Ademais, tamén queremos que a iniciativa teña incidencia e visibilidade a través das redes sociais”, apunta a titular de Dinamización Lingüística, que tamén deu a coñecer a imaxe da campaña, personalizada para cada centro educativo. Ademais, o Concello tamén agasallará aos colexios participantes cun lote de libro e material didáctico en galego.

A concelleira de Dinamización Lingüística lembra, asemade, outras actividades de carácter transversal que se levarán a cabo nas vindeiras datas, para o fomento do uso da lingua galega. É o caso do contacontos A miña terra, para a cativada de entre 4 e 11 anos, que terá lugar o xoves 23 de febreiro na Biblioteca Municipal. As instalacións de Campelo tamén acollerán outro contacontos o venres 24, A mellor sopa do mundo, para crianzas de 3 a 6 anos. Outra iniciativa será ‘Rosalía saca a lingua’. Trátase de promover lecturas públicas de textos e poemas da histórica escritora, en conmemoración do Día de Rosalía, que se celebra o 23 de febreiro. “No nome desta iniciativa incluirase o de cada centro educativo e as intervencións poderán gravarse en vídeo e compartirse nas redes sociais, para darlle a maior difusión posible”, explica Rodríguez.

A edil nacionalista tamén aproveitou a reunión para dar conta de máis actividades e propostas que se levarán a cabo nos vindeiros meses en favor da promoción da lingua galega, como son o concurso literario Xaime Illa Couto, a celebración dos Maios ou o Correlingua.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio