DESPEDIDA CON TODOS OS HONORES PARA O GALO FODORICO AGUSTO BASTANTE

12/01/2024

2023.

O noso benquerido Fodorico Augusto Bastante deixou de existir na noite deste sábado, cando, un ano máis, acabou sendo pasto das lapas na Alameda de San Xoán. O Galo ardeu en medio dunha gran expectación e foi despedido con todos os honores por centos de persoas, que non quixeron deixar pasar a ocasión de dar o último adeus ao gran símbolo do Entroido de Poio. Despois de dous anos de ausencia pola pandemia, o Galo Fodorico puido despedirse de todas e todos nunha velada que tamén incluíu a Festa Choqueira e que estivo organizada pola Asociación Cultural e Veciñal Ronsel e o Concello de Poio, a través da Concellería de Cultura. VER GALERÍA

Como manda a tradición, a comitiva fúnebre saíu desde O Sartal ata chegar ás inmediacións do Mosteiro e da Casa Consistorial. As comparsas locais, víuvas, viúvos e doentes acompañaron neste traxecto ao Galo Fodorico, cuxo disfraz desta edición facía referencia á inflación e á suba de prezos. Unha vez prendido o lume, a cargo da directiva da Asociación Empresarial EnPoio, comezou a Festa Choqueira, que incluíu sorteo de galos, premios para os mellores disfraces, así como Viúvos e Viúvas en categoría infantil e degustación de orella, chourizos e outros platos típicos.

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, expresou o seu agradecemento á Asociación Ronsel, a EnPoio (encargada de achegar os premios para @s gañador@s das categorías, consistente en lotes de produtos do comercio local), á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e ao persoal municipal que “fixeron posible que o Galo Fodorico tivese a gran despedida que sen dúbida merecía”.

O Entroido de Poio rematará o vindeiro 18 de marzo co Enterro do Galo Bruxo, organizado pola SCD Samieira, en colaboración co Concello.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio