Celebraranse todos os sábados do mes no local da Comunidade de Montes San Xoán, cun prezo do abono de 15 euros para todas as funcións.
A asociación Cuna da Moura organiza durante todo o mes de outubro, coa colaboración do Concello de Poio e da Deputación de Pontevedra, a mostra de teatro Outeiro Grande, unha proposta escénica que se celebrará os sábados ás 21:00 horas no local da Comunidade de Montes de San Xoán.
A mostra contará coa participación das compañías LaGriot’te, A Cividade, a organizadora Moura Teatro e A&Z Producións, e ofrece unha programación diversa, de calidade e pensada para todos os públicos. O prezo do abono completo para as catro funcións é de 15 euros, mentres que as entradas individuais terán un custo de 5 euros.
O alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, acompañaron á asociación na presentación do ciclo, e destacaron a importancia de iniciativas como esta para fomentar a afección polo teatro no municipio.
“Todas temos a mesma historia”, de LaGriot´te, inaugura o ciclo este sábado, 4 de outubro. Unha obra dirixida por Nazan L.Bamio, na que representan tres momentos na vida de tres mulleres que se chaman Meri ou María ou Maruxa que quizais non son tres e son a mesma persoa, ou non, tanto ten, xa que todas teñen a mesma historia.
O sábado 11 subirá o telón da compañía A Cividade, con “Amor, diñeiro e saúde”, 90 minutos de humor intelixente e diversión sen límite.
Moura Teatro, a agrupación local e organizadora da mostra, subirá ao escenario o sábado 18, con “Pronóstico Reservado”, dirixida por Miro Magariños. Paco está ingresado no hospital por mor dun accidente. Alberto e Luisa, os seus irmáns, e Josefina, a súa esposa, son convocados para tomar unha decisión sobre Paco, pero as cousas non son o que parecen.
Por último, o sábado 25, A&Z Producións porán en escena “A limpadora, a psiquiatra e o marido asesor”, de Alejandro Albaiceta. Unha comedia homenaxe ás mulleres e ás amas de casas que con moi poucos recursos sacan adiante ás súas familias. Que pasaría si dúas mulleres con diferentes situacións económicas e mundos opostos vivisen enfrontadas?.
Esta mostra busca achegar o teatro á veciñanza, ofrecendo unha programación accesible e de calidade para dinamizar a vida cultural local durante o mes de outubro.