Celebraranse todos os sábados do mes de outubro no local da Comunidade de Montes San Xoán, cun prezo do abono de 15 euros para todas as funcións.
A asociación Cuna da Moura organiza durante todo o mes de outubro, coa colaboración do Concello de Poio e da Deputación de Pontevedra, a segunda edición da mostra de teatro Outeiro Grande, unha proposta escénica que se celebrará todos os sábados ás 21:00 horas no local da Comunidade de Montes de San Xoán.
A mostra contará coa participación das compañías Migallas Teatro, Enredos Teatro, Anómico Teatro e a organizadora Moura Teatro, ofrecendo unha programación diversa, de calidade e pensada para todos os públicos. O prezo do abono completo para as catro funcións é de 15 euros, mentres que as entradas individuais terán un custo de 5 euros.
O alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, acompañaron á asociación na presentación do ciclo, e destacaron a importancia de iniciativas como esta para fomentar a afección polo teatro no municipio.
“Falemos como galegas” é a proposta de Migallas Teatro, que subirán ao escenario este domingo, día 3, para estrear o ciclo. É un espectáculo humorístico interactiva onde se abordan moitas cuestións relativas á lingua galega a través de sketchs e cancións cómicas de autor.
O sábado día 10 será turno para Enredos Teatro con “As ladroas somos xente honrada”. Unha comedia de enredo na que, entre tanto lío e mentira, xa non se sabe quen é ladrón e, por enriba de todo, que é xente honrada.
Anómico Teatro traerá a escena “Anxos abandonados en mosaicos despois do combate”, o sábado 17, unha crítica contra a guerra e a inxustiza global, defendendo a beleza e a necesidade de que existan seres que coiden dun mundo ferido. Por último, o sábado día 24, será momento de Moura Teatro con “Touporroutou da Lúa e do Sol”, unha adaptación da peza de Roberto Vidal Bodaño. Conta a historia dunha compañía de cómicos ambulantes que viaxan de pobo en pobo representando unha farsa sobre a orixe do universo.