Creatividade e tecnoloxía en ‘Autos tolos’, novo obradoiro de robótica na Biblioteca de Poio

15/06/2026

Dirixida para crianzas e mocidade, xa están abertas as inscricións en poio.rbgalicia@eidolocal.es ata completar as prazas dispoñibles.

O Concello de Poio organiza un novo obradoiro de robótica e tecnoloxía, “Autos tolos”, na Biblioteca Municipal o vindeiro venres, 26 de xuño, ás 12.00 horas. Unha actividade de robótica creativa impartida por Carlos Santodomingo e integrada no programa Ler conta moito 2026. A actividade conta con prazas limitadas e require inscrición previa a través do correo electrónico poio.rbgalicia@eidolocal.es.

Neste obradoiro, dirixido a crianzas e mocidade, as persoas participantes construirán vehículos eléctricos autónomos de deseño propio, traballando elementos como o chasis, o motor ou as rodas. Posteriormente, os proxectos presentaranse nun concurso de creatividade e deseño e finalizarán cunha carreira na que se porán a proba as distintas creacións.

A programación da biblioteca complétase este mes coa instalación dun centro de interese bibliográfico con motivo das festas de San Xoán de Poio, no que se ofrece unha selección de materiais sobre a historia, a cultura popular e as celebracións festivas do municipio.

Ademais, continúa en marcha o reto lector 2026 que neste mes de xuño propón ao público infantil a lectura de cómic ou manga, mentres que o público adulto pode escoller entre manga ou novela gráfica.

A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, anima á veciñanza a participar nestas propostas que combinan creatividade, aprendizaxe e fomento da lectura.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio