O Campionato Xunta de Galicia de Duatlón en estrada reunirá en Poio aos mellores deportistas da modalidade

12/04/2024

Disputarase o sábado 20 entre Lourido e Campelo. Tamén se celebrará a primeira Copa Galicia de Veteranos 1, 2 e 3.

Poio será escenario, o próximo sábado 20 de abril, do Campionato Xunta de Galicia de Duatlón en estrada e da I Copa Galicia de Veteranos, que reunirán aos mellores deportistas destas modalidades, entre elas Susana Rodríguez, Premio Nacional do Deporte, e os duatletas máis destacados do pelotón nacional, ao ser Galicia unha potencia internacional nesta disciplina.

Esta mañá presentáronse estes eventos que, segundo o club Triatlón Poio, “marcarán un hito no calendario deportivo da entidade”. Na presentación, ademais do presidente do club, Carlos Sánchez, tamén estiveron presentes o alcalde, Ángel Moldes, así como os concelleiros de Deportes, Cándido Muíños, e de Seguridade Cidadá, Maritxe González, o director deportivo da Federación Galega de Triatlón, Carlos Prieto, e representantes das asociacións veciñais de Lourido e de Campelo, lugares polos que transcorrerá a proba deportiva.

“Confiamos en que sexa un éxito de participación pero tamén de espectadores que veñan a disfrutar desta modalidade nun marco incomparable, como é esta fachada marítima de Lourido e de Campelo”, destacou Ángel Moldes. Neste senso, destacou o apoio do Concello de Poio ao deporte, “esta é unha proba importante que fomenta valores deportivos e saudables, é un revulsivo socioeconómico para o noso concello e contribúe a promocionar o noso turismo e a nosa imaxe”. Ademais, tamén agradeceu a colaboración das asociacións veciñais de Lourido e de Campelo así como aos veciños, “que poden ver alterado o seu día a día polos cortes da proba, pero de seguro que entenden que é por un ben común e que vai permitir poñer en valor os lugares nos que residen”.

Pola súa banda, Carlos Sánchez destacou o interese que supón organizar a primeira edición da Copa Galicia de Veteranos. “Gran parte do pelotón que hai ocúpano estas categorías e pensamos que ter un campionato para eles vai ser un éxito”. Ademais, confía en que tanto deportistas como público gocen das dúas probas: “imos ter en Poio o máis importante do duatlón a nivel nacional, porque en Galicia temos un gran potencial, que está destacando no resto de país e incluso a nivel internacional”.

Carlos Prieto recoñece que “o campionato galego é a proba reina do Duatlón Galicia” e agradeceu “o apoio que o Concello de Poio ofrece para fomentar o duatlón e triatlón”. Ademais, puxo en valor que se vai disputar “nunha contorna privilexiada para a práctica deportiva, entre Lourido e Campelo”. Van estar presente “os mellores duatletas e moitos triatletas preparando a tempada de verán, o que suporá un escaparate para esta proba e un atractivo para moita xente que comeza, porque ver aos mellores da nosa disciplina participando nos nosos campionatos é importante para fomentar o deporte entre os máis mozos”.

DATOS DA PROBA

A saída da proba é desde o paseo de Lourido, e componse de un tramo de carreira a pé polo paseo marítimo, nunha distancia de 5.000 metros a cubrir en dúas voltas, e posteriormente un tramo en bicicleta, nun percorrido de 1.500 metros entre a avenida da Praia e o cruce coa rúa Pedro Souto Couselo e 17.000 metros desde o cruce da rúa Pedro Souto Couselo, camiño de Esquiriños e rúa Anafáns, ata a intersección coa EP-0606 e finalizando, de novo, no paseo marítimo, onde completarán outra volta de carreira a pé. A meta estará situada diante do aparcamento da praia de Lourido.

Este percorrido será igual para as distintas modalidades e probas: Copa Galicia de Veteranos 1, 2 e 3, feminina e masculina; campionato Xunta de Galicia categorías inclusiva, feminina e masculina.

Máis información sobre a proba aquí.

PLAN DE TRÁFICO

Con respecto ao plan de tráfico para a celebración da proba o sábado, o corte no paseo marítimo de Lourido comezará ás 11.00 horas. Non se poderá facer uso do aparcamento da praia desde as 18.00 horas do venres ata o domingo.

Con respecto ao tramo da praia da Cabeceira cara Lourido, estará pechado desde as 7.00 ata as 21.00 horas, mentres que o tramo desde o Porto dirección a Campelo, incluíndo rúa Pedro Soto Couselo, camiño de Esqueiriños e rúa Anafáns, ata a intersección coa EP-0606, quedará pechado de 14.15 a 16.25 horas, de 16.40 a 18.50 horas e de 19.10 a 26.36 horas. Estes horarios son aproximados, poden ser modificados segundo as necesidades e circunstancias das probas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio