Convocado o Consello de Participación Veciñal para impulsar as achegas ao orzamento de 2026

01/12/2025

A sesión celebrarase este xoves, 4 de decembro, ás 19.30 horas na Casa do Concello.

O Concello de Poio convoca o Consello de Participación Veciñal co obxectivo de impulsar as aportacións e suxestións dos diferentes colectivos aos orzamentos municipais para o ano 2026. A sesión terá lugar este xoves, 4 de decembro, ás 19.30 horas, no salón de plenos da Casa do Concello. Ademais dos representantes dos grupos municipais, tamén están convocados representantes das asociacións veciñais do municipio.

O alcalde, Ángel Moldes, destaca que para o Goberno municipal resulta fundamental promover a participación cidadá nun documento estratéxico, que marcará a acción e a xestión municipal nos próximos doce meses. “Somos un Goberno que escoita, que aposta polo diálogo, e por iso queremos coñecer as opinións da veciñanza e trasladarlle de primeira man cales son as liñas fundamentais do documento”, subliña.

O rexedor apunta tamén que os orzamentos incluirán proxectos e propostas recollidas a través do programa de participación “O alcalde máis preto de ti”, iniciativa que cada mes percorre as diferentes parroquias para atender directamente as demandas e necesidades da cidadanía.

O orzamento para 2026 preséntase como o dun Goberno único, un documento “serio, responsable e planificado”, deseñado para garantir servizos de calidade e executar investimentos que melloren de maneira real e directa a vida da veciñanza. Neste senso, recorda que desde a súa chegada ao Goberno, estes investimentos están executándose en todas as parroquias do municipio. Así, o documento dará prioridade ao benestar cidadán e á calidade dos servizos públicos municipais, ao tempo que incorpora proxectos transformadores que permitirán seguir cumprindo cos compromisos adquiridos no programa de goberno.

O Goberno local tamén pon en valor a súa capacidade para xestionar, negociar e planificar de maneira eficaz, logrando atraer importantes investimentos doutras administracións, como a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. Grazas a esta colaboración institucional, indican que xa se están impulsando proxectos clave destinados á modernización de infraestruturas, o reforzo de servizos e a mellora da calidade de vida da cidadanía, que servirán de base para a súa continuidade e ampliación ao longo de 2026.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio