2023.
O prazo para participar na quinta edición do Concurso de Fotografía da Festa da Ameixa, organizada en colaboración coa Asociación Arela de Campelo, continúa aberto ata o venres, 15 de setembro. As persoas interesadas en participar poden enviar os seus traballos ao enderezo electrónico gaiaanimacion96@gmail.com, indicando no texto o título da obra así como si queren que se imprima en brillo ou mate.
A temática das fotografías a presentar versará sobre a Festa da Ameixa de Campelo. Ademais, tamén se poden presentar instantáneas que teñan que ver coas labores tradicionais do mar e as súas xentes, co concello, así como coa sostibilidade no sector. Poderán ser fotos a cor ou en branco e negro, e non se aceptarán fotografías que teñan sido manipuladas por ordenador. Cada participante pode presentar un máximo de dúas obras. No caso de presentar máis de dúas, consideraranse excluídas todas as fotografías presentadas.
O xurado encargado de valorar os traballos presentados estará composto por unha persoa en representación da Oficina de Turismo de Poio, outra da Asociación de Mulleres Arela e un ou unha integrante da empresa de xestión sociocultural Gaia Animación. Valoraranse cuestións como a creatividade, o vigor da mensaxe gráfica, a idoneidade do traballo e a súa sintonía co espírito da Festa da Ameixa, sen esquecer o concepto de sostibilidade da mesma.
Establécese un primeiro premio consistente nun vale en material fotográfico valorado en 300 euros, un segundo premio dun vale en material fotográfico valorado en 200 euros e un terceiro, valorado en 100 euros.