En Tarrío realizouse unha lectura colectiva do poema “Adiós ríos, adiós fontes”, acompañado pola música de Vides Novas.
Esta mañá, Poio reuniuse para lembrar a Rosalía de Castro xunto co alumnado do programa Saudemente Samieira, nun acto cheo de emoción e cultura que contou coa asistencia do alcalde, Ángel Moldes, e das concelleiras de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e de Benestar e Igualdade, Natividad Torres.
O punto forte foi a lectura colectiva do poema “Adiós ríos, adiós fontes”, un dos máis coñecidos da escritora, nunha contorna excpecional, en Tarrío, ao carón de paisaxes como os que inspiraban a Rosalía de Castro. Foi un momento para compartir palabra, memoria e sentimentos arredor dunha das voces máis importantes da nosa literatura.
Moldes agradeceu a participación do alumnado, que durante os días previos estiveron traballando nos talleres en torno á figura de Rosalía de Castro, e puxo en valor que defendía o amor pola súa lingua, identidade e a súa terra, sen excluír a ninguén.
Cada participante recibiu unha rosa como agasallo, un pequeno xesto de homenaxe que fixo aínda máis especial o encontro, que rematou coa música da gaita de Vides Novas.