Destinado para a rapazada empadroada ou escolarizada en Poio, que poderán presentar unha única obra de xeito individual ou en grupo.
O Concello de Poio convoca o concurso para seleccionar o cartel que vai promocionar as Festas de San Xoán deste ano. Poderán participar rapaces e rapazas empadroadas en Poio ou escolarizadas nalgún dos centros de ensino do municipio.
Establécense catro categorías diferentes, divididas en función da idade: de 5 a 8 anos (categoría A), de 9 a 11 (Categoría B), de 12 a 13 (Categoría C) e de 14 a 17 (Categoría D). De cada unha destas categorías escollerase un cartel gañador e, entre eles, seleccionarase o deseño que se utilizará para promocionar as festas deste ano, que se celebran do 22 ao 26 de xuño.
Ademais dun agasallo conmemorativo e de ser a imaxe promocional das Festas de San Xoán, os gañadores tamén recibirán vales para canxear nas librerías locais. Así, na categoría A, o vale será por importe de 80 euros, na categoría B 100 , na C 120 e na D, 140 euros.
Cada participante, sexa de xeito individual ou en grupo, poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal, inédita e non premiada nin publicada. O formato será din-A3, en formato dixital adaptable e o texto deberá estar escrito en galego e incluír Festas San Xoan Poio, xuño 2024.
Os traballos entregaranse en calquera dos centros de ensino de Poio ou na casa consistorial, ata o 16 de maio, acompañados dun sobre no que se incluirán os datos persoais da persoa participante, incluídos enderezo e número de teléfono, ademais do curso e centro no que estuda. No exterior do sobre só deberá constar a idade e a categoría na que participa.
O xurado encargado de analizar todas as propostas presentadas estará composto polo concelleiro de Festexos, Fran da Silva, así como por un representante de cada grupo da corporación municipal e por persoal técnico. O fallo para determinar aos gañadores ou gañadoras será o 21 de maio.