2023.
O Concello de Poio, xunto coa SCD Raxó e coa colaboración do Consello Municipal de Cultura, convocan unha nova edición do Concurso Literario Xaime Illa Couto.O concurso rexerase polas seguintes bases:
1) Ámbito xeográfico:
• Ata 17 anos: será requisito ter empadroamento no concello de Poio ou matrícula nun centro educativo deste concello.
• De 18 anos en diante: a participación non ten limitación xeográfica, sempre que se cumpran as demais normas do concurso.
2) As modalidades do concurso serán dúas:
- Relato curto ou conto.
- Poesía
3) As categorías son as seguintes:
• Categoría A: de 6 a 8 anos.
• Categoría B: de 9 a 11 anos.
• Categoría C: de 12 a 13 anos.
• Categoría D: de 14 a 15 anos.
• Categoría E : de 16 a 17 anos.
• Categoría F: de 18 anos en diante.
A idade das persoas participantes deberá estar cumprida entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022.
4) Os traballos serán de carácter individual e inéditos, quedando expresamente prohibido plaxiar, copiar ou reproducir traballos alleos.
5) Cada participante poderá presentar un único traballo por modalidade.
6) Os traballos deberán estar escritos en lingua galega.
7) O tema será libre.
8) A extensión dos traballos será como máximo de tres folios por unha soa cara (para relato curto ou conto) e dun folio por unha soa cara (para poesía).
Os traballos mecanografados entregaranse a tamaño de letra 12 e espazo interlineal dobre. Os traballos manuscritos entregaranse nun formato lexible.
9) Os traballos serán entregados en calquera dos seguintes centros:
- No servizo de Cultura do Concello de Poio, ou por correo certificado (Praza do Mosteiro 1, 36995, San Xoán de Poio).
- Nos seguintes centros de ensino: CEIP Viñas, CEIP Lourido, CEIP Isidora Riestra, CEIP Chancelas, CEIP Espedregada e no IES de Poio.
- Nos locais das Asociacións colaboradoras e membros do Consello Municipal de Cultura: S.C.D. de Raxó; S.C.D. de Samieira; Ateneo Corredoira de Combarro; Asociación Boureante da Seara; Asociación Vides Novas de San Salvador.
10) Cada traballo presentarase en dous sobres pechados:
No interior do SOBRE 1: un exemplar da obra a presentar no concurso.
No interior do SOBRE 2: os datos persoais da persoa participante:
- Nome, idade, enderezo e teléfono.
- No caso de escolares tamén incluirán o curso e o nome do seu centro de ensino.
No EXTERIOR de ambos os dous sobres deberá constar:
- Título da obra.
- Modalidade e categoría na que participa (ver puntos 2 e 3 destas bases).
- Idade do autor/a.
11) O xurado estará formado por unha representación elixida para o efecto polo Consello Municipal de Cultura. O xurado determinará a necesidade de recorrer ao asesoramento de técnicos/as na materia. A presidencia de honra do xurado permanecerá vacante en lembranza de Don Xaime Illa Couto. O fallo do xurado será inapelable.
12) O Consello Municipal de Cultura resérvase o dereito de publicar e/ou facer o uso que considere oportuno dos traballos presentados.
13) Os premios serán os seguintes:
- CATEGORÍAS A, B, C, D: premio de 90 euros (para cada unha destas catro categorías e nas dúas modalidades), diploma e agasallo conmemorativo.
- CATEGORÍA E: premio de 110 euros (para cada unha das dúas modalidades), diploma e agasallo conmemorativo.
- CATEGORÍA F: premio de 400 euros (para cada unha das dúas modalidades), diploma e agasallo conmemorativo.
14) O prazo de entrega dos traballos rematará o mércores 12 de abril de 2023, ás 14 horas.
15) O xurado fallará os premios o xoves 11 de maio de 2023.
16) O xurado poderá considerar deserto os premios do grupo F, no caso de que os traballos presentados non acaden unha calidade aceptable.
17) A entrega de premios realizarase no transcurso do acto que se celebrará o martes 17 de maio de 2022, ás 17.30 horas, no salón de actos do Centro Cultural Xaime Illa Couto (Raxó).
18) A participación no concurso supón a aceptación das presentes bases.
A presidenta do Consello Municipal de Cultura