Concello e SCD Raxó convocan o concurso literario Xaime Illa Couto de relato curto e poesía

24/03/2024

Repartirá 1.740 euros entre os premiados das diferentes categorías e modalidades.

O Concello de Poio e a SCD Raxó, en colaboración co Consello Municipal de Cultura, convocan o Concurso Xaime Illa Couto nas modalidades de relato curto ou conto e poesía. Os traballos pódense entregar ata o mércores, 24 de abril ás 14.00 horas.

Cada participante poderá presentar un único traballo por categoría, utilizando a lingua galega e con temática libre. Os menores de 17 anos terán que estar empadroados no concello de Poio ou matriculados nalgún dos centros educativos do concello. No caso dos de 18 cara adiante, a participación non terá limitación xeográfica. O xurado encargado de analizar as obras presentadas estará formado por unha representación elixida a tal efecto por parte do Consello Municipal de Cultura. A entrega de premios terá lugar o 17 de maio, dentro da programación que o Concello de Poio desenvolverá para conmemorar o Día das Letras Galegas.

As bases do concurso establecen seis categorías, divididas en función da idade. As catro primeiras, abarcan desde os 6 aos 15 anos, contará con premios de 90 euros para os gañadores das dúas modalidades, tanto do relato curto como de poesía. Na categoría de 16 a 17 anos, o premio para o autor será de 110 euros nas dúas modalidades, mentres que 18 anos en diante os premios ascenderán a 400 euros para os gañadores tanto en novela curta ou conto como en poesía. Ademais, tamén se fará entrega de diplomas e agasallo conmemorativo.

A entrega dos textos poderá realizarse no Concello de Poio ou mediante envío de correo certificado. Tamén se poden entregar nos centros de ensino públicos ou nos locais das asociacións colaboradoras e membros do Consello Municipal de Cultura: SCD de Raxó, SCD de Samieira, Ateneo Corredoira de Combarro, Asociación Boureante da Seara, Asociación Vides Novas de San Salvador.

As bases completas publicaranse nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio