Concello e colectivos homenaxearán a Tucho Buceta, de Liñares, na celebración dos Maios

15/04/2025

Este xoves, 17 de abril, ábrese o prazo para inscribirse no concurso que repartirá premios nas categorías de mellor conxunto, maios, coplas, coroas, actuación e barco galego tradicional. Este ano amplíanse a cinco os premios á mellor actuación.

A Festa dos Maios de Poio homenaxeará esta edición a Antonio Buceta González “Tucho”, de 76 anos e veciño de Liñares, pola súa contribución, nas últimas décadas a recuperar, difundir, conservar e expandir a tradición dos maios dentro e fóra do municipio. Así o valoraron tanto o Concello de Poio como os diferentes colectivos, que poñen en valor a traxectoria de Tucho, que non só foi unha das persoas que impulsaron a recuperación desta tradición en Poio a principio dos anos 80, senón que ademais colaborou con diferentes colectivos do municipio, apostando sempre pola calidade das letras das coplas e respectando as características e composicións tradicionais dos maios.

Tucho, que en 1978 comezou a participar nos maios en Pontevedra, foi unha das persoas que a principios dos anos 80 decidiron apostar por recuperar esta festa da primavera tamén no seu concello. Neses inicios, participaron cos maios Os Labregos de Albar, Os cativos de Liñares e As Camelias. Uns maios moito máis tradicionais, artesanais e que apostaban por coplas fieis ao ritmo musical e con moita retranca. Entre os esenciais para os Maios de Poio recorda que non poden faltar fiuncho, xesta verde, ovos, pampullos, margaridas e laranxas.

A súa paixón polos maios traspasou fronteiras, e durante os anos que emigrou a Suíza, aínda que facía escapadas co seu fillo para participar nos Maios de Poio, tamén continuou neste país coa súa paixón por esta festa tradicional. Así, recorda como anécdota que os suízos pensaron que o seu maio, cheo de laranxas, ovos e adaptado coas flores locais, estaba representando unha especie de supermercado.

O recoñecemento faráselle o propio día 1 de maio, no transcurso da exhibición e concurso dos maios na Praza do Mosteiro. Esta iniciativa comezou o ano pasado, poñendo en valor a figura de Francisco Lobajeira. O obxectivo, insisten desde o Concello de Poio, é agradecer o traballo de todas esas persoas que, ano tras ano, se comprometeron e traballaron para recuperar e dar continuidade a unha das tradicións que hoxe están máis arraigadas no concello, non só coas súas creacións e composicións, senón tamén espertando este interese entre a cativada. Así, conscientes de que hai moitas persoas que en Poio merecen este recoñecemento, cada Festa dos Maios se homenaxea a unha delas que é decidida, por consenso, entre os propios colectivos.

PRAZOS E PREMIOS DO CONCURSO

Con respecto ao concurso dos maios, as inscricións pódense realizar entre o 17 e 24 de abril, a través da sede electrónica do concello ou no rexistro xeral. Poden facelo desde persoas físicas ata asociacións, grupos, colectivos, centros escolares e agrupacións. Na solicitude deberán incluír o nome, enderezo e teléfono de contacto/enderezo electrónico da persoa representante do maio, e achegar once copias das coplas.

En canto aos premios, repartiranse entre os tres primeiros clasificados nas categorías ao mellor conxunto (220, 180 e 150 euros, respectivamente), mellor maio, mellores coplas, mellor coroa, e mellor barco galego tradicional. Nestes catro grupos os premios serán de 150, 120 e 100 euros, respectivamente. Este ano, como novidade, amplíanse os premios na mellor actuación e, ademais dos primeiros tres clasificados, tamén se incluirán 4º premio (80 euros) e 5º premio (50 euros). A maiores, polo mero feito de participar, cada maio recibirá 200 euros e dúas roscas.

As bases completas pódense consultar na web do Concello de Poio. Os maios deben ser tradicionais de Poio, de forma cónica, adornado con produtos tradicionais na confección e armazón, que non terá estrutura metálica. Cada maio pode participar cunha soa coroa ou barco. Con respecto ás coplas, deberán ser estrofas de catro versos de 7 ou 8 sílabas, rimando a 2ª coa 4ª, e valorarase a retranca, a composición, o ritmo e a linguaxe utilizados. Na interpretación valorarase o emprego do canto tradicional do maio así como a entoación, ritmo e actuación do conxunto.

No xurado tamén hai novidades con respecto ás edicións pasadas, así ademais dos membros da Comisión informativa de Educación, Cultura e Deportes do Concello de Poio, nesta ocasión tamén formará parte da valoración e puntuación unha persoa con grande vinculación e coñecemento dos maios.

A Festa dos Maios é unha das celebracións populares con máis tradición en Poio, de feito nos últimos anos a calidade das composicións van en aumento. A praza do Mosteiro de San Xoán énchese o 1 de maio pola mañá de vexetación, cor e música para celebrar esta festa ancestral que dá a benvida á primavera. E xa pola tarde, trasládanse á Praza da Chousa, en Combarro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio