Destacan que é un dos precursores na recuperación, conservación, difusión e expansión desta festa no municipio. O luns 13 de abril ábrese o prazo para inscribirse no concurso que repartirá premios nas categorías de mellor conxunto, maios, coplas, coroas, actuación e barco galego tradicional.
A Festa dos Maios de Poio homenaxeará esta edición a Cándido Vicente Buceta “Canducho” de 77 anos e veciño de Albar, por ser unha das persoas precursoras na recuperación, conservación, difusión e expansión desta festa no municipio. Así o valoraron tanto o Concello de Poio como os diferentes colectivos, que poñen en valor a traxectoria de Canducho, que se iniciou con só doce anos nesta tradición en San Salvador.
Canducho, que se reuniu co alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, pon en valor que a Festa dos Maios é o evento cultural máis antigo de Poio, e recorda que os primeiros maios de Combarro datan do ano 1903 e os maios de Albar xa participaron en 1953 na celebración de Pontevedra. A finais dos anos 70 decidiron recuperar a festa en Poio. Neses inicios, participaron cos maios Os Labregos de Albar, Os cativos de Liñares e As Camelias no municipio, pero tamén en Pontevedra e Marín, onde conseguiron clasificarse nalgúns anos entre as primeiras posicións. Uns maios moito máis tradicionais, artesanais e que apostaban por coplas fieis ao ritmo musical e con moita retranca. Precisamente, di que o máis interesante das coplas, que sigue compoñendo a día de hoxe, é que teñan sátira e ritmo, pero que eviten as palabras malsonantes e as faltas de respecto.
Artífice tamén de instaurar en Poio o barco tradicional, facendo homenaxe á tradición mariñeira do municipio, apela á orixe enxebre e agrícola da festa. Recoñece que Poio pode presumir de contar cos mellores maios da comarca e os máis participativos. Con todo, anima ás novas xeracións, especialmente aos máis pequenos, a que se involucren na creación dos maios, pero tamén na composición das coplas, que a día de hoxe continúan en mans das persoas maiores.
O recoñecemento faráselle o propio día 1 de maio, no transcurso da exhibición e concurso dos maios na Praza do Mosteiro. Esta iniciativa comezou xa en 2024, poñendo en valor a figura de Francisco Lobajeira primeiro e Tucho Buceta o ano pasado. O obxectivo, insisten desde o Concello de Poio, é agradecer o traballo de todas esas persoas que, ano tras ano, se comprometeron e traballaron para recuperar e dar continuidade a unha das tradicións que hoxe están máis arraigadas no concello, non só coas súas creacións e composicións, senón tamén espertando este interese entre a cativada. Así, conscientes de que hai moitas persoas que en Poio merecen este recoñecemento, cada Festa dos Maios se homenaxea a unha delas que é decidida, por consenso, entre os propios colectivos.
PRAZOS E PREMIOS DO CONCURSO
Con respecto ao concurso dos maios, as inscricións pódense realizar entre o 13 e 24 de abril, a través da sede electrónica do concello ou no rexistro xeral. Poden facelo desde persoas físicas ata asociacións, grupos, colectivos, centros escolares e agrupacións. Na solicitude deberán incluír o nome, enderezo e teléfono de contacto/enderezo electrónico da persoa representante do maio, e achegar once copias das coplas.
En canto aos premios, repartiranse entre os tres primeiros clasificados nas categorías ao mellor conxunto (220, 180 e 150 euros, respectivamente), mellor maio, mellores coplas, mellor coroa, mellor actuación e mellor barco galego tradicional. Nestes catro grupos os premios serán de 150, 120 e 100 euros, respectivamente. No caso de mellor actuación, inclúense tamén 4º premio (80 euros) e 5º premio (50 euros). A maiores, polo mero feito de participar, cada maio recibirá 200 euros e dúas roscas.
A Festa dos Maios é unha das celebracións populares con máis tradición en Poio, de feito nos últimos anos a calidade das composicións van en aumento. A praza do Mosteiro de San Xoán énchese o 1 de maio pola mañá de vexetación, cor e música para celebrar esta festa ancestral que dá a benvida á primavera. E xa pola tarde, trasládanse á Praza da Chousa, en Combarro.