Ángel Moldes e Manuel Ligero, presidente do colectivo, visitan as obras que se están realizando e para as que a asociación recibiu tamén unha axuda do Plan Social de Ence.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o presidente da Asociación de Veciños de Campelo, Manuel Ligero, visitaron as obras que se están realizando en Camiño do Castro para acondicionar unha senda e un segundo miradoiro neste lugar, unha actuación que permite así dar continuidade ao proxecto realizado o ano pasado neste lugar e que conseguiu eliminar un punto de vertidos incontrolados para convertelo nun balcón cara a costa de Poio e a ría de Pontevedra.
Trátase da segunda fase do proxecto, na que o Concello de Poio volve a colaborar coa entidade veciñal, que conta tamén cunha axuda a través do Plan Social de Ence. En total, a actuación conta cun investimento de preto de 20.000 euros, e inclúe retirada de escombros e compactado de zahorra para habilitar a senda, así como instalación de bancos, iluminación e varanda de seguridade.
En setembro do ano pasado a Asociación de Veciños de Campelo, coa colaboración do Concello de Poio e de Ence, eliminou un punto de vertidos incontrolados en Camiño do Castro para convertelo nun miradoiro e lugar de encontro para a veciñanza, con banco de pedra, iluminación e varanda de seguridade. Unha primeira fase que ten agora a súa continuidade, coa adecuación dun camiño para convertelo nunha sendeiro que permita achegarse ata un segundo miradoiro desde onde contemplar toda a ría.
Ángel Moldes destacou a iniciativa dos veciños, que permite transformar a contorna de maneira sostible e poñendo en valor o lugar, con actuacións que dan un gran servizo e contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas que viven nestas zonas. Así, salientou que desde o ano pasado, o Miradoiro de Camiño do Castro tense convertido nun punto de encontro e de reunión para moitas das persoas maiores que viven nesta zona.
Por último, apostou por seguir colaborando para desenvolver proxectos consensuados cos veciños, “é importante que estas actuacións sexan participativas, dialogadas, porque eles mellor que ninguén coñecen cales son as principais necesidades de cada lugar”.