Concello e Arela convocan unha nova edición do concurso de fotografía da Festa da Ameixa

03/10/2024

Repartiranse 600 euros en premios, consistente en vales en material fotográfico.

O Concello de Poio e a Asociación de Mulleres Arela convocan unha nova edición do concurso de fotografía da Festa da Ameixa, que se celebra do 18 ao 20 de outubro en Campelo. A temática das fotografías a presentar versará sobre a Festa da Ameixa de Campelo, coas labores tradicionais do mar e as súas xentes, así como coa sostibilidade do sector.

As persoas interesadas en participar poden enviar os seus traballos ata o 15 de outubro ao enderezo electrónico gaiaanimacion96@gmail.com, indicando no texto o título da obra así como si queren que se imprima en brillo ou mate. Irán acompañados tamén dun documento anexo onde figurará o mesmo lema que na fotografía, o nome e apelidos do autor, residencia, teléfono de contacto e fotocopia do DNI, así como unha declaración xurada na que se reflicta a autoría da obra.

Poderán ser fotos en branco e negro ou cor, e non se aceptarán fotografías que teñan sido manipuladas por ordenador. Cada participante presentará un máximo de dúas obras.

O xurado encargado de valorar os traballos presentados estará composto por unha persoa en representación da Concellería de Cultura, unha representante da Asociación de Mulleres Arela e unha integrante da empresa de xestión sociocultural Gaia Animación. Valoraranse a creatividade, o vigor da mensaxe gráfica, a idoneidade do traballo e a súa sintonía co espírito da Festa da Ameixa.

Establécese un primeiro premio consistente nun vale en material fotográfico valorado en 300 euros, un segundo premio valorado en 200 euros e un terceiro valorado en 100 euros.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio