O xoves ábrese o prazo para inscribirse no concurso que repartirá premios nas categorías de mellor conxunto, maios, coplas, coroas, actuación e barco galego tradicional.
A Festa dos Maios de Poio deste ano homenaxeará a Francisco Lobajeira Pérez, veciño de Arís de 81 anos, pola súa contribución, nas últimas décadas, a difundir, conservar e expandir a tradición dos maios no municipio. Así o valoraron tanto o Concello de Poio como os diferentes colectivos, que acordaron que a primeira persoa en recibir este recoñecemento o próximo 1 de maio debe ser Francisco, pola súa labor incansable en prol da cultura e por ser un dos veciños que contribuíron ao longo destes anos a consolidar esta tradición e espertar o interese entre as xeracións máis mozas, ata convertela nunha festa de grande interese sociocomunitario e incluso turístico.
Así, destacan que Francisco é unha persoa cun carácter sociable e sempre colaborador con diferentes entidades e colectivos, e comezou a súa relación cos maios a través da entidade “Todos contra o lume”, en Arís, e na actualidade continúa axudando a “Maio Vilariño”. Desde os seus comezos, nas súas creacións apostou máis polas coroas artísticas, entre as que destacan a fonte e a fachada do Mosteiro ou coroas con temáticas do xacobeo.
O recoñecemento faráselle o propio día 1, no transcurso da exhibición e concurso dos maios na Praza do Mosteiro. O obxectivo, destacan, é poñer en valor o traballo de todas esas persoas que, ano tras ano, se comprometeron e traballaron para recuperar e dar continuidade a unha das tradicións que hoxe están máis arraigadas no concello, non só coas súas creacións e composicións, senón tamén espertando este interese entre a cativada. Así, conscientes de que hai moitas persoas que en Poio merecen este recoñecemento, cada Festa dos Maios se homenaxeará a unha delas que será decidida, por consenso, entre os propios colectivos.
PRAZOS E PREMIOS DO CONCURSO
Con respecto ao concurso dos maios, este xoves, día 18, ábrese o prazo para inscribirse, e poden facelo desde persoas físicas ata asociacións, grupos, colectivos, centros escolares e agrupacións. Na solicitude, que poden presentala a través da sede electrónica do concello ou no rexistro xeral ata o día 24, deberán incluír o nome, enderezo e teléfono de contacto/enderezo electrónico da persoa representante do maio.
En canto aos premios, repartiranse entre os tres primeiros clasificados nas categorías ao mellor conxunto (220, 180 e 150 euros, respectivamente), mellor maio, mellores coplas, mellor coroa, mellor actuación e mellor barco galego tradicional. Nestes cinco grupos os premios serán de 150, 120 e 100 euros, respectivamente. Ademais, polo mero feito de participar, cada maio recibirá 200 euros e dúas roscas.
As bases completas pódense consultar na web do Concello de Poio. Algúns dos requisitos que deben cumprir os maios, inclúese que debe ser tradicional de Poio, de forma cónica, adornado con produtos tradicionais na confección e armazón, que non terá estrutura metálica. Cada maio pode participar cunha soa coroa ou barco. Con respecto ás coplas, deberán ser estrofas de catro versos de 7 ou 8 sílabas, rimando a 2ª coa 4ª, e valorarase a retranca, a composición, o ritmo e a linguaxe utilizados. Na interpretación valorarase o emprego do canto tradicional do maio así como a entoación, ritmo e actuación do conxunto.
O xurado estará formado polos membros da Comisión informativa de Educación, Cultura e Deportes do Concello de Poio.
A Festa dos Maios é unha das festas populares con máis tradición en Poio, de feito nos últimos anos a calidade das composicións van en aumento. A praza do Mosteiro de San Xoán énchese o 1 de maio pola mañá de vexetación, cor e música para celebrar esta festa ancestral que dá a benvida á primavera. E xa pola tarde, trasládanse á Praza da Chousa, en Combarro.