Comezan os traballos para facer accesible o paso peonil inferior da Ponte da Barca

09/04/2024

“É un investimento necesario para garantir que as persoas con mobilidade reducida poidan tamén facer uso do camiño sen límites nin barreiras”, sinala Marcial García.

O Concello de Poio garantirá a accesibilidade no camiño ao paso peonil inferior da Ponte da Barca, para eliminar deste xeito as barreiras que se atopan as persoas con mobilidade reducida. O Goberno avanza así para dar resposta ás peticións que levan facendo anos a veciñanza desta zona, xa que é un acceso moi utilizado para cruzar de un lado a outro da ponte e achegarse, por exemplo, á Casa Rosada, onde se desenvolven multitude de actividades municipais, ou mesmo ao centro comercial.

O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, reuniuse esta mañá coa empresa encargada de facer as obras para ultimar as actuacións. Consistirán en adaptar todo o camiño que dá acceso ao paso inferior da ponte, compactando todo o sendeiro con grava e colocando pontóns de madeira na parte máis próxima ao paso. Ademais, cambiarase a rasante do camiño para evitar acumulación de auga.

“É un investimento moi necesario para garantir que as persoas con mobilidade reducida poidan tamén facer uso do camiño sen límites nin barreiras”, sinala Marcial García, que recorda que este é un compromiso adquirido polo Goberno local cos veciños desta zona e moitos dos usuarios que cada día fan uso deste paso.

A previsión é que os traballos, que comezaron esta mañá, estean rematados a finais desta semana.

Nesta liña, recorda que o Goberno está centrando os investimentos en dar resposta ás pequenas actuacións que estaban pendentes, e dar así resposta ás necesidades e prioridades da veciñanza de todo o municipio. “Son investimentos que dan resposta a necesidades que levan anos esperando unha resposta, necesidades que para este Goberno son unha prioridade porque contribúen a mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”, indica.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio