Comezan as obras para mellorar o firme e a rede de pluviais en Ucha de Arriba, cun investimento de 60.000€

19/11/2025

A actuación resolverá os problemas actuais de arrastres e inundacións nun vial con forte pendente e sen drenaxe. Esta obra súmase a outras intervencións en marcha en distintas parroquias, consolidando un ano histórico en investimentos para o municipio.

O Concello de Poio iniciou as obras de mellora do firme e da rede de recollida de augas pluviais na rúa Ucha de Arriba, na parroquia de San Xoán. Os traballos, adxudicados por importe de 57.631,08 euros, contan cun prazo de execución de dous meses. A maiores, tamén se acondicionou un dos ramais, a petición da veciñanza do lugar, para mellorar o acceso a unha fonte e lavadoiro.

A actuación está financiada a través do plan Camiño Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e permitirá dar solución ao importante deterioro que presenta este vial, situado entre vivendas unifamiliares e terreos anexos, cunha pendente moi pronunciada e carente dunha rede de drenaxe que provoca arrastres e inundacións en días de choiva intensa.

O proxecto contempla a rehabilitación completa do firme, mediante a aplicación dunha capa media de 5 cm de mestura bituminosa en quente, aproveitando ao máximo o espazo dispoñible entre muros. No que respecta ao sistema de drenaxe, xa está en marcha a instalación dunha nova rede de pluviais na parte máis crítica do trazado, especialmente no punto de transición entre a zona rural e o núcleo de vivendas. No conxunto da actuación, prevese colocar 110 metros lineais de tubaxe de PVC para drenaxe, tres pozos de rexistro e cinco arquetas de sumidoiros, co obxectivo de reforzar o correcto funcionamento da recollida de augas.

Esta obra reafirma a aposta do Goberno local pola mellora e mantemento da rede de camiños municipais, cun programa de investimentos que está chegando a todas as parroquias e que permite avanzar e resolver actuacións demandadas desde hai décadas.

UN ANO HISTÓRICO DE INVESTIMENTOS EN POIO

A intervención en Ucha de Arriba súmase ás obras actualmente en execución no municipio, como a primeira fase da reurbanización da PO-308 no treito da Barca, cun investimento de 1,6 millóns de euros para transformar unha das principais entradas a Poio; a senda peonil e o carril bici entre Chancelas e Combarro, cun investimento de 450.000 €; ou a recuperación da contorna entre Casalvito e O Padrón, con preto de 700.000 €.

En total, Poio ten en marcha neste momento preto de 58 millóns de euros en investimentos entre actuacións en execución e proxectos xa aprobados con financiamento garantido, como a mellora da estrada provincial de Campelo. Unha cifra que evidencia o dinamismo, o crecemento e o atractivo dun municipio que está a vivir o seu mellor momento.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio