Esta actuación permitirá solucionar problemas de inundacións que a falta de tubaxe provoca tanto no camiño como nas fincas anexas.
O Concello de Poio comezou esta semana as obras para ampliar a rede de pluviais no camiño de Cachafeiro, no Xuviño, unha actuación adxudicada á empresa Construcións EC Casas e que, segundo explica o concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, vai permitir solucionar os problemas de inundacións que afectan ás fincas desta contorna. Uns problemas que, indica, orixináronse ao deixar sen saída de pluviais cando asfaltaron estes camiños e agraváronse ao adoquinar os viais limítrofes sen dar continuidade ao colector. Esta situación provoca que en época de choivas intensas a auga desborde e anegue tanto o camiño como as fincas anexas.
O proxecto, que se está executando cun investimento do Plan +Provincia, inclúe tanto a dotación dun sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais mediante a instalación de tramos de tubaxe no tramo que quedou pendente, como o pavimentado do camiño.
Este ano Poio destinou fondos do plan provincial para dar resposta “a todas esas actuacións en camiños rurais que levan anos esperando mantementos e melloras, viais secundarios que son moi transitados polos veciños, para ampliar a rede de servizos básicos e tamén para solucionar problemas ocasionados por execución de proxectos incompletos”.
Así, ademais deste proxecto, tamén se reservaron investimentos provinciais para mellorar a rede de pluviais e asfaltar no Sartal; mellorar o firme e completar a rede de pluviais no camiño do Outeiro de Fontenla, en San Xoán; completar un proxecto que quedou a medias no anterior mandato, coa instalación de alumeado público na rúa do Adro e Travesía Porteliña; investimentos para mellorar o firme do camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador; así como para mellorar o firme e completar a rede de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba e no camiño do Castaño, ou mellorar o firme e crear un muro de contención en Camiño do Souto, en Combarro.