Comezan as obras para ampliar a rede de abastecemento e pluviais no camiño do Castaño, en Portosanto

19/07/2024

Marcial García sinala que “con esta actuación estamos dando resposta a un compromiso adquirido coa veciñanza, para ofrecer unha solución ao evidente estado de deterioro que sofría esta vía municipal”.

O Concello de Poio comeza as obras para renovar a rede de abastecemento, completar as pluviais e mellorar o firme do camiño do Castaño, no lugar de Portosanto. O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, que se achegou ata o lugar para coordinar os traballos, sinala que “con esta actuación estamos dando resposta a un compromiso adquirido coa veciñanza, para ofrecer unha solución ao evidente estado de deterioro que sofría esta vía municipal desde hai anos”.

Segundo indica o proxecto, a actuación inclúe renovar a rede de abastecemento e dotación de pluviais. Ademais, desbrozarase e limparanse todas as marxes e renovarase o firme. Por último, inclúese sinalización horizontal e vertical para ordenar o tráfico e garantir a seguridade na zona. “A dotación destes servizos básicos para a veciñanza é prioritaria, somos conscientes de que hai moitos lugares que acumulan anos sen mantemento e por iso no plan provincial deste ano estamos incluíndo actuacións que, aínda que parecen menores, ofrecen un servizo moi importante á cidadanía e, sobre todo, aos residentes”, engade. Nesta liña, asegura que “desde o Concello estamos empeñados en dotar aos diferentes lugares do municipio do equipamento mínimo e aumentar a calidade de vida dos veciños e, de paso, mellorar as condicións de accesibilidade”.

Ademais desta obra, neste momento o Concello de Poio tamén está executando a ampliación da rede de pluviais no camiño de Cachafeiro, no Xuviño, unha actuación que vai permitir solucionar os problemas de inundacións que afectan ás fincas anexas, así como a humanización en Liñares con melloras que inclúen renovar a rede de pluviais e eliminar o pozo de rexistro do regato canalizado.

Ademais destes proxectos, tamén se reservaron fondos provinciais para mellorar a rede de pluviais e asfaltar no Sartal; mellorar o firme e completar a rede de pluviais no camiño do Outeiro de Fontenla, en San Xoán; completar un proxecto que quedou a medias no anterior mandato, coa instalación de alumeado público na rúa do Adro e Travesía Porteliña; investimentos para mellorar o firme do camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador; así como para mellorar o firme e completar a rede de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba, ou mellorar o firme e crear un muro de contención en Camiño do Souto, en Combarro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio