Marcial García comprobou o inicio das obras, que teñen un orzamento de máis de 127.000€ e un prazo de execución de tres meses. Incluirá porterías de balonmán e fútbol sala, canastras de baloncesto e rede para pista de tenis, voleibol ou bádminton.
O Concello de Poio comezou o desterro en Vilariño para construír unha pista polideportiva e, deste xeito, materializar un proxecto agardado desde hai décadas pola súa veciñanza.
O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, comprobou esta mañá o inicio das obras, que contan cun investimento de 127.607,05, financiados integramente pola Deputación de Pontevedra, e cun prazo de execución máximo de tres meses.
A pista polideportiva contará cunhas dimensións de 20×10 metros cadrados, contará con peche perimetral, porterías de balonmán e fútbol sala, canastras de baloncesto, rede para pista de tenis, voleibol ou bádminton, ademais de céspede fibrilado ideal para uso da cativada, iluminación con tecnoloxía LED e cumprimento de todas as normativas de seguridade para ofrecer aos usuarios un espazo seguro, de calidade e versátil para a práctica de diferentes modalidades deportivas.
Esta nova área de lecer e de ocio instalarase na parcela que o Concello de Poio adquiriu a finais do ano pasado na rúa Vilariño de Abaixo, unha localización céntrica ao carón dun pequeno parque infantil, unha fonte, un lavadoiro e un cruceiro. Unha ubicación que facilita o acceso seguro e cómodo dende diversas zonas residenciais próximas.
Con este tipo de investimentos, o Concello de Poio reafirma a súa aposta por ofrecer espazos de lecer e deportivos de calidade para as familias do municipio. Esta actuación súmase a outros proxectos executados nos últimos meses polo Concello de Poio en materia de lecer e deporte, como a inauguración do primeiro circuíto pump track na Seca —xa consolidado como punto de encontro da mocidade—, a adquisición de terreos para construír o primeiro parque infantil público en Samieira, ou a renovación do parque infantil de Ánkar, que se converterá nun espazo temático dedicado a Cristóbal Colón, entre outros. Tamén se traballa na remodelación do parque Costa Xiráldez, actualmente en fase de tramitación de permisos.