As clases xa comezaron de forma presencial na Reiboa, pero aínda é posible unirse ao curso gratuíto. Esta iniciativa inscríbese no compromiso do Concello de Poio coa mellora das competencias profesionais da veciñanza, especialmente de quen se atopa en situación de desemprego.
O Concello de Poio vén de poñer en marcha, en colaboración coa Asociación Rexurdir, un novo programa formativo dirixido a persoas adultas que queiran prepararse para as probas do Graduado en ESO ou das Competencias Clave. Trátase dun curso completamente gratuíto, pensado para ofrecer recursos prácticos que melloren a empregabilidade e o desenvolvemento persoal das persoas participantes.
O comezo das clases esta semana contou coa asistencia do alcalde de Poio, Ángel Moldes, e da concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, que quixeron dar a benvida ao alumnado no seu primeiro día. Subliñaron que esta formación representa unha oportunidade única para quen desexe obter o título da ESO e ampliar as súas posibilidades laborais, podendo facelo ademais no propio municipio, sen ter que desprazarse a outros centros de educación para adultos.
As clases xa están en marcha, pero as persoas interesadas en incorporarse aínda están a tempo de facelo. Para participar ou recibir máis información, poden poñerse en contacto coa orientadora laboral do Concello de Poio, que ofrecerá asesoramento e apoio durante o proceso.
A formación está pensada para quen queira reforzar as súas competencias básicas e incrementar as súas opcións de inserción laboral mediante a obtención dunha titulación oficial. O programa aborda contidos esenciais como lingua castelá, matemáticas, informática básica e habilidades sociais, considerados piares fundamentais para o progreso académico e profesional.
As sesións impártense de maneira presencial os luns pola mañá na aula da Reiboa, ofrecendo unha alternativa flexible para que o alumnado poida compatibilizar os estudos coa súa rutina diaria. O curso conta con profesorado especializado e cun enfoque metodolóxico dinámico, participativo e adaptado ás necesidades de cada persoa.
APOSTA POLA FORMACIÓN
Esta iniciativa inscríbese no compromiso do Concello de Poio coa mellora das competencias profesionais da veciñanza, especialmente de quen se atopa en situación de desemprego. Durante os dous últimos anos, o municipio impulsou diversos programas de formación e inserción laboral, todos eles gratuítos, co obxectivo de promover a igualdade de oportunidades e facilitar o acceso ao emprego. Con estas accións, búscase proporcionar ferramentas útiles que permitan ás persoas participantes mellorar a súa situación laboral e contribuír ao avance social e económico de Poio.